A Xunta destaca o persoal voluntario de Protección Civil como “piar na prevención e atención ás emerxencias”

O director xeral de Emerxencias e Interior participa nas xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia luguesa

Santiago Villanueva sinala o apoio do Goberno galego a estes colectivos con axudas ao funcionamento e dotación de material

Guitiriz (Lugo), 8 de novembro de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na xornada de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Lugo, onde sinalou a importancia deste persoal na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, labores nas que son “un piar fundamental”. Incidiu tamén na xenerosidade e entrega que demostran os membros destes colectivos e eloxiou o seu traballo “a prol da seguridade e benestar da poboación, tanto en eventos extraordinarios como no día a día”.

Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas entidades a través de diferentes medidas de apoio. Entre elas está a orde de axudas destinada a financiar os gastos de AVPC, que neste exercicio incrementou a dotación de 340.000 a 370.000 euros, e da que se beneficiaron 32 colectivos de Lugo con contías que suman máis de 59.600 euros.

Ademais, a Xunta dá apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento de case 15,4 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros.

Precisamente neste marco do compromiso continuado coa dotación de medios para mellorar a capacidade operativa das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través da orde de concesión de material de 2025, Lugo recibiu sete kits de material loxístico de seguridade viaria, que foron para os concellos de Guitiriz, Meira, Portomarín, Pol, Ourol, Quiroga e Ribas de Sil; cinco kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias, para Lourenzá, Mondoñedo, O Vicedo, Vilalba e Viveiro; e tres tendas de campaña para emerxencias á Pontenova, Triacastela e O Valadouro.

Apoio formativo 

Santiago Villanueva referiuse tamén a outros apoios, como o formativo, con cursos específicos para este persoal impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública, ou a posta en marcha da nova APP móbil que permitirá o acceso á plataforma informática (SIPROC), o cal facilitará a comunicación das AVPC e os voluntarios coa Xunta. A plataforma permite prestarlles un maior e máis efectivo apoio ás AVPC, xa que é posible coñecer en todo momento a súa composición, formación, recursos dispoñibles e o seu estado, operativos desenvolvidos e ademais permitirá ter información de primeira man da evolución das emerxencias.

Data de actualización: 08/11/2025