Román Rodríguez salienta o impulso pola dixitalización levado a cabo no conservatorio municipal de Ponteareas
O titular de Educación felicita ao concello e destaca que o centro dá un paso cara á modernización tecnolóxica
Ponteareas (Pontevedra), 7 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, salientou hoxe o impulso pola dixitalización e a modernización tecnolóxica levado a cabo no Conservatorio Municipal de Ponteareas, onde participou no acto de inicio do proceso de implantación dos novos recursos dixitais do centro.
O titular de Educación destacou que este proxecto “marca un fito” no Conservatorio, desde a súa creación en 1983, e sitúao “na vangarda das ensinanzas artísticas en Galicia”. Engadiu que a dixitalización é “unha ferramenta fundamental para mellorar a formación dos 200 alumnos e facilitar o traballo do profesorado, facendo máis eficiente e actual o funcionamento dos centros”.
O proxecto de dixitalización do Conservatorio supón un investimento de 130.000 euros por parte do Concello de Ponteareas, e representa o primeiro paso dun plan de modernización tecnolóxica do centro. A actuación inclúe a instalación de software de control e xestión académica, que ofrecerá unha plataforma integral de administración, comunicación e contabilidade, ademais dun xerador de horarios baseado en intelixencia artificial e sistemas de control horario e xestión de ausencias. Así mesmo, dotarase ás 24 aulas con paneis interactivos, pedais bluetooth, trípodes con soporte para tabletas, que permitirán traballar con partituras dixitais, e equipos de videoconferencia.
Galicia, referente nas ensinanzas artísticas
O conselleiro lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma de España con maior porcentaxe de alumnado matriculado en ensinanzas artísticas, segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación. “Estas estatísticas amosan o prestixio das ensinanzas artísticas en Galicia, e tamén o compromiso do Goberno galego por reforzar este ámbito formativo”, afirmou. Neste sentido, Román Rodríguez destacou que o proceso de dixitalización do Conservatorio de Ponteareas encaixa plenamente nas liñas do Plan EDUC-ART, presentado este mesmo curso pola Xunta de Galicia, unha iniciativa dotada con 10,4 millóns de euros ata 2030 para modernizar, revalorizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas.