A Xunta somete a información pública o proxecto de nova senda peonil e ciclista na PO-313, entre Cadro e Cadrelo en Marín, cun investimento de 712.000€

Trátase de executar un novo itinerario, que se desenvolverá pola marxe esquerda da vía autonómica nunha lonxitude de algo máis de 900 metros, nos que se prevé os elementos de drenaxe e estruturas de contención e sostemento de noiros

Levaranse a cabo tamén obras complementarias para garantir a funcionalidade da senda, entre as que se inclúen a habilitación dunha parada de autobús á altura do quilómetro 0+700 e a execución de varios treitos de varanda urbana

O obxectivo da Xunta é aprobar o proxecto e realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro semestre do 2026, para licitar as obras tamén no vindeiro ano

Co novo itinerario na PO-313, a Xunta contribúe á consolidación dunha rede de mobilidade sostible e integrada no contorno, que dá continuidade ás sendas executadas de Coirados – Pardavila e Pardavila – Cadro

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto para executar unha senda peonil e ciclista na estrada PO-313, no treito que comunica Cadro e  Cadrelo, no concellos de Marín, que suporá un investimento estimado de máis de 712.000 euros.

O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá. No DOG pode ampliarse a información.

O obxectivo da Xunta é poder aprobar o proxecto e realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro semestre do vindeiro ano, para  licitar as obras para a súa execución tamén no 2026.

A intervención que se somete a información pública consiste na execución dun novo itinerario entre os puntos quilométricos 4+120 e 5+035, incluíndo as actuacións complementarias necesarias, nas que se inclúe a execución de elementos de drenaxe e estruturas de contención e sostemento de noiros; dentro do termo municipal de Marín.

Este novo itinerario, que se desenvolverá pola marxe esquerda da citada estrada autonómica, suma unha lonxitude de algo máis de 900 metros.

O departamento de Infraestruturas da Xunta propón realizar a nova senda cun ancho de entre 1,80 metros e os 2,22 metros (2 metros de senda e 22 centímetros de bordo), reducíndose os mínimo permitido onde sexa necesario para evitar afectar a construcións existentes: muros, galpóns ou peches.

No que respecta aos carrís de circulación, manteranse cun ancho de 3,50 m, con beiravías entre 0,5 e 1,1 m, ampliándose este en zonas puntuais ata os 1,1 m, onde a traza así o permita.

Ademais, como consecuencia da execución da senda peonil e ciclista, será preciso executar obras complementarias en que será necesario repoñer o paquete de firme completo da PO-313.

Proxéctase tamén un sistema de evacuación das augas de escorrenta superficial conformado por unha rede de tubaxes e sumidoiros, que verterán os caudais recollidos cara aos puntos de vertedura existentes.

Así mesmo, levaranse a cabo diferentes obras complementarias no treito de actuación, necesarias para garantir a funcionalidade da senda como, a habilitación dunha parada de autobús na contorna do punto quilométrico 0+700, ou a execución de varios treitos de varanda urbana ao longo do percorrido da senda peonil e ciclista.

As actuacións contempladas no proxecto aprobado hoxe de xeito provisional contarán con financiamento europeo a través do programa operativo FEDER 21/27. O prazo de execución das obras é de 12 meses.

Con esta nova senda na PO-313, o Goberno galego ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e contribuír á consolidación dunha rede de mobilidade sostible e integrada no contorno, dando continuidade funcional e formal ás sendas xa executadas de Coirados – Pardavila e Pardavila – Cadro, con financiamento dos programas FEDER 14/20 e FEDER React.

Data de actualización: 10/11/2025