A Xunta licita as melloras da eficiencia enerxética dos edificios xudiciais de Monforte de Lemos e Caldas de Reis
A Plataforma de Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación de ambas obras, para as que as empresas interesadas en optar aos contratos teñen de prazo ata o vindeiro 9 de decembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de optimización enerxética nos edificios xudiciais de Monforte de Lemos e Caldas de Reis para reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións. Ambas intervencións están cofinanciadas con fondos europeos Feder.
No caso das actuacións previstas no edificio xudicial de Monforte de Lemos o orzamento de licitación é de máis de un millón de euros, mentres que nos xulgados de Caldas de Reis licítanse as obras por máis de 366.000 euros. En ambos casos, prevense traballos de construción de cubertas e outras estruturas de cerramento, así como melloras na instalación eléctrica e no illamento.
As empresas interesadas en optar a estes contratos teñen de prazo ata o próximo 9 de decembro ás 14,00 horas para presentar as súas ofertas. Para a adxudicación aplicarase o procedemento aberto, con pluralidade de criterios de adxudicación, por ser o mellor garante os principios de igualdade e transparencia. Ademais, o prazo de execución é de seis meses desde a sinatura da acta de comprobación da implantación e o inicio das obras en ambas infraestruturas está previsto para comezos de marzo do próximo ano.
A Xunta aposta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios e xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables. Así, contribúese a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións que respondan ás necesidades tanto das persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza.
As obras enmárcanse no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética previstos en case unha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 6,8 millóns de euros. En concreto, ademais destas actuacións en Caldas de Reis e Monforte de Lemos, este investimento permitirá levar a cabo tamén melloras nos xulgados de Carballo, Lugo, Ferrol, A Coruña, O Carballiño, Viveiro, Vilalba, O Porriño e Corcubión. Esta mellora da eficiencia enerxética é unha das principais prioridades do programa Galicia Feder 2021-2027, que alenta o sector público a servir como exemplo para diminuír o consumo de enerxía na loita contra o cambio climático.