A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe no I Foro de Minerais Críticos

Lorenzana defende en Huelva a aposta da Xunta por impulsar o sector mineiro e facer de Galicia un referente en materias primas críticas

Destaca o potencial mineiro da comunidade que, en dous anos, pasou de representar o 8,2 por cento do valor de produción en España ao 9,5 por cento

Defende a necesidade de conseguir unha menor complexidade na tramitación administrativa dos proxectos

Palos de la Frontera (Huelva), 11 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe a aposta que está facendo o Goberno galego por impulsar a industria mineira e facer de Galicia un referente en materias primas críticas, para o cal avogou por reforzar a simplificación de trámites e polo diálogo fluído co sector.

Lorenzana participou hoxe en Palos de la Frontera (Huelva) no I Foro de Minerais Críticos, na mesa redonda Cara a unha folla de ruta das materias primas críticas. Alí destacou o potencial mineiro de Galicia que, en dous anos, pasou de representar o 8,2 por cento do valor de produción en España ao 9,5 por cento, e é a segunda comunidade autónoma que máis emprego directo xera na minería, con 3.711 persoas traballadoras, un 10 por cento máis que en 2021.

“Temos materias primas máis clásicas, somos unha potencia en pedra natural, tamén en augas termais; a primeira comunidade autónoma con máis balnearios activos, 19, pero tamén temos materias primas críticas como o litio ou o wolframio e, polo tanto, temos que traballar nesa vía a través dos concursos mineiros”, afirmou.

A conselleira fixo referencia á Lei de recursos naturais que pretende, dixo, “que en Galicia sexamos quen de repercutir os beneficios dos nosos propios recursos” e que afecta á minería de forma directa. “Todo proxecto enerxético, ben sexa hidráulico, eólico, mineiro, que se desenvolva con esta lei, debe repercutir o 50 % da enerxía producida a prezos competitivos á industria galega”, abondou.

Con respecto ao papel da Administración, defendeu a necesidade de conseguir unha menor complexidade na tramitación administrativa. “Hoxe en día é moi difícil que un proxecto mineiro coas complexidades e as implicacións que ten saia adiante se non hai implicación, por suposto, das empresas pero, tamén, da Administración”, dixo. Ao respecto, apuntou que a figura dos proxectos industriais estratéxicos recolle un prazo de 12 meses para a súa aprobación. Pero, con todo, recoñeceu as dificultades para darlle axilidade á tramitación pola normativa europea. “Moitas veces non somos quen de acelerar os proxectos porque a lexislación europea é demasiado complexa e podería simplificarse sen menoscabo da parte ambiental social, etc.”, observou. “Non é de recibo que nos esteamos congratulando de que tramitar un proxecto leve case 30 meses”, dixo.

Lorenzana concluíu defendendo a fortaleza do sector en Galicia e poñendo en valor o que a minería pode facer pola industrialización das zonas do interior de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2025