A Xunta destina preto de 849.000 euros á mellora do firme da estrada autonómica AC-102 ao seu paso polos concellos de Cerdido e Cedeira
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá o resultado dos traballos acometidos nun tramo da estrada no municipio de Cerdido
Esta é unha das catro vías autonómicas da área da Delegación Territorial que a Administración autonómica acondicionou nos últimos meses cun investimento próximo aos 3,2 M€
Lembrou o compromiso do Goberno galego por seguir mellorando a rede de estradas autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios
Cerdido (A Coruña), 11 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao municipio de Cerdido, onde supervisou o resultado das obras de mellora do firme da estrada autonómica AC-102. Na visita estivo acompañada polo alcalde da localidade, Alberto Rey.
Os traballos acometidos pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas nesta vía autonómica que pasa polos municipios de Cerdido e Cedeira ascenderon a 848.728 euros. As obras, xa rematadas, consistiron na regularización das zonas máis deterioradas, fundamentalmente rodeiras, fresado das zonas de firme con danos estruturais, reposición e, incluso, nalgúns tramos eliminación parcial e reposición do firme, seguida dun recrecemento, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria nesta estrada que pertence á rede complementaria de estradas convencionais da Rede de estradas da Xunta de Galicia. As actuacións completáronse co pintado da sinalización horizontal.
A delegada territorial lembrou que esta é unha das catro estradas autonómicas da área da Delegación que a Administración autonómica acondicionou nos últimos meses, xunto á AC-862, AC-100 e AC-151. O investimento conxunto ascendeu a preto de 3,2 M€.
Aneiros recordou o compromiso do Goberno galego por “seguir mellorando a rede de estradas autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sustentable no territorio”.