A Xunta é a administración que máis obra pública licitou en Galicia en 2025, con 395,2 M€ mobilizados entre xaneiro e setembro

Rueda salienta que “un de cada tres euros investidos en obra pública” na comunidade proceden do Executivo autonómico, o que supón un incremento do 17,3% respecto a 2004

Galicia foi a comunidade que máis contratacións realizou cunha media de 174,5€ por habitante, un 35% por enriba da media estatal

A Administración autonómica superou en 54,3M€ á licitación realizada polo Estado nestes nove meses do 2025

Dentro da Administración autonómica, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas suma o maior investimento licitado cun total de 205,3 M€ mobilizados

Desde 2021 a Xunta ten incrementado a licitación nun 58%, mentres que o Estado diminuína nun 41%

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os últimos datos revelan que “a Xunta lidera a licitación da obra pública en Galicia neste 2025 con máis de 395 millóns de euros mobilizados, o que supón un 17% máis, respecto do ano anterior”.

O Consello da Xunta deu conta hoxe do informe sobre contratación de obra pública por parte das diferentes administracións en Galicia, con datos da Federación Galega da Construción, da Asociación Seopan e da Plataforma de Contratos de Galicia entre xaneiro e setembro, que constata que a Administración autonómica acaparou o 32,5% do total licitado en Galicia no citado período, que ascendeu a 1.213 M€. “Un de cada tres euros investidos en obra pública en Galicia proceden da Xunta” , resaltou o presidente.

A cifra de licitación da Xunta supón un incremento do 17,3% respecto do total do pasado ano, e coincide coa declaración neste 2025 da construción como sector industrial estratéxico por parte do Executivo galego.

Tal e como explicou Rueda, a Xunta supera en investimento á Administración xeral do Estado, que licitou 340M€, e que tamén vese superada pola licitación dos concellos, que sumou 352,7M€. Por outra banda, as deputacións licitaron actuacións por 57M€ e as universidades por 68M€.

O presidente indicou que, deste xeito, a Xunta consolida a dinámica dos últimos anos, “xa que desde 2021 aumentou a licitación nun 58%”, mentres que o Estado diminuína nun 41%. Desde ese ano, a Xunta leva licitados máis de 2.190M€ en obra pública e, a nivel estatal, foi a administración dunha Comunidade Autónoma en réxime común (sen considerar Navarra e o País Vasco) que maior contratación realizou, 174,5€ por habitante, un 35% por enriba da media, situada en 128,96€ por habitante.

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Dentro do Executivo autonómico, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas lidera o esforzo investidor, con 205,3M€ licitados entre xaneiro e setembro, dos que a maior parte corresponden á Axencia Galega de infraestruturas, con 99,3M€.

Pola súa banda, o Instituto Galego de Vivenda e Solo licitou actuacións por 55M€, mentres que a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, Vipugal, sacou a concurso intervencións por 10,5M€, a Secretaria Xeral Técnica mobilizou 36,8M€ e a Sociedade Pública de Investimentos (SPI) 3,6M€. Mentres, a licitación do Estado en materia de vivenda foi de 0 euros neste período

No resto das consellerías, destaca o investimento mobilizado por Augas de Galicia, que licitou actuacións por 52,7M€, mentres que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional licitou 27,4M€; a Consellería de Política Social e Igualdade, 20,8M€ e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes un total de 20,2M€.

Licitacións en infraestruturas e vivenda

Entre as actuacións licitadas con cargo aos orzamentos do 2025 en infraestruturas, hai que destacar o novo treito de prolongación da AG-59, entre a AC-241  e O Rollo; o primeiro treito de conversión en autovía da estrada Brión–Noia, entre Brión e Urdilde ou o novo treito da autovía do Baixo Miño AG-42 entre Areas e a PO-350.

No eido da seguridade viaria, licitáronse 43,5M€ en obras de reforzo de firme de estradas de titularidade autonómica, entre elas a renovación extraordinaria de firme da autovía do Barbanza, por 11,9M€.

Por outra banda, desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo licitáronse 55M€ en obra de vivendas coma as situadas en Ferrol (24) e Lugo (146), así como a rehabilitación de 48 vivendas do programa Rexurbe en A Coruña (4), Ferrol (13), Lugo (2), Mondoñedo (8), Viveiro (3), Ourense (6), Ribadavia (9) e Tui (3).

O investimento da Xunta, a través do IGVS supera amplamente ao executado polo Estado, que contratou 5,7M€ para obras de vivenda que non é protexida.

Por outra banda, Vipugal licitou neste período obras de construción de vivenda pública en Valdecorvos, en Pontevedra.

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2025