Gómez Caamaño avanza que a Xunta negociará todas as medidas de atención primaria co obxectivo de garantir a asistencia ante a previsión dun déficit de 244 médicos de familia en 2029
Remarca que as propostas do Executivo galego formuladas na Mesa Sectorial de Sanidade están abertas ao diálogo e negociación cos representantes do persoal
Subliña que as propostas formuladas están encamiñadas a garantir a cobertura nos centros de atención primaria e anticipar solucións á xubilacións e á falta de facultativos
Incide en que a falta de médicos que afecta a toda España obriga ao Executivo galego a facer unha reordenación estrutural dos recursos humanos en atención primaria
Destaca as medidas postas en marcha nos últimos anos neste nivel asistencial, entre as que citou o ofrecemento de prazas por concurso ou os contratos de tres anos para os MIR
Subliña que os orzamentos da Xunta para 2026 incrementan os recursos destinados á atención primaria un 4,75 %, acadando os 1.747 millóns de euros
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que a Xunta negociará todas as medidas de atención primaria co obxectivo de garantir a asistencia ante a previsión dun déficit de 244 médicos de familia en 2029.
Así o sinalou o titular da carteira sanitaria da Xunta nun encontro cos medios de comunicación no que participaron tamén a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e a directora de Recursos Humanos, Mar Pousa.
O conselleiro incidiu en que o deber da Xunta é adoptar medidas que blinden e fortalezan a atención primaria e permitan garantir a cobertura e asistencia sanitaria á poboación ante a falta de médicos que afecta a toda España. Esa situación de escaseza de facultativos de atención primaria obriga ao Executivo galego a facer unha reordenación estrutural dos recursos humanos, que se levará a cabo atendendo aos criterios e os prazos que establece o Ministerio de Sanidade, antes do 31 de decembro de 2027.
Porén, mentres o Ministerio non fixe estes criterios, o conselleiro dixo que a Xunta ten que anticiparse para manter a asistencia nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada. Ese é o motivo que levou ao departamento sanitario da Xunta a facer distintas propostas de actuación para que foran negociadas coas organizacións sindicais. Estas propostas formuladas na Mesa Sectorial de Sanidade están abertas ao diálogo e negociación cos representantes do persoal.
Gómez Caamaño explicou que as medidas propostas se presentaron como excepcionais e transitorias, cun prazo de tempo determinado, para ter solucións que permitan garantir a cobertura nos centros de atención primaria. O obxectivo da Xunta é anticipar solucións á xubilacións e á falta de médicos, que é un problema para o que o Ministerio de Sanidade non acaba de aplicar medidas efectivas.
O conselleiro reiterou que a Consellería de Sanidade está aberta ao diálogo e a revisar as propostas para chegar a acordos e insistiu en que negociará todas as medidas que haxa que negociar co fin de garantir a asistencia sanitaria á cidadanía.
Gómez Caamaño amosouse confiado en que os representantes dos traballadores se aveñan a sentarse a falar no marco da Mesa Sectorial e reiterou a man tendida ao diálogo e para chegar a acordos por parte da Consellería.
Aposta pola atención primaria
Entre as iniciativas xa tomadas pola Xunta nos últimos anos para reforzar a atención primaria Gómez Caamaño referiu o ofrecemento de fixeza a través de concurso de méritos, que permitiu ofertar 178 postos para os médicos de familia e 60 pediatras do primeiro nivel asistencial.
Tamén se ofertaron contratos de tres anos de duración a todo o persoal MIR e demandouse de forma activa a creación da especialidade de Urxencias e Emerxencias ante o Ministerio de Sanidade. Ademais, introducíronse melloras nas condicións de traballo e retributivas.
O responsable de Sanidade puxo en valor o nivel de implicación da Xunta na súa aposta pola atención primaria, que se reflicten nos orzamentos para 2026 nos que se incrementan os recursos destinados a este nivel asistencial un 4,75 %, acadando os 1.747 millóns de euros.
Concretamente, o conselleiro dixo que o capítulo de persoal de primaria medra un 3,4 % e acada os 657 millóns de euros. Os presupostos do Executivo galego tamén prevén a creación de 77 prazas nos Puntos de Atención Continuada, 21 psicólogos clínicos para a rede de primaria e 62 prazas para consolidar os equipos de atención domiciliaria.