A Xunta lamenta o rexeitamento da Fegamp á proposta de subir o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar
A oferta da Administración autonómica pasa por unha actualización progresiva da achega a este servizo, ata acadar os 16 euros hora ao remate desta lexislatura
O Goberno galego insta a deixar o partidismo para avanzar nesta cuestión, que afecta aos 313 concellos de Galicia, con independencia do signo político que teñan
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025
A Xunta lamenta que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) rexeite a súa proposta para subir a achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta oferta pasa por un incremento progresivo do financiamento deste servizo de competencia municipal.
Na actualidade, a Administración autonómica financia con 12 euros a hora do SAF, en virtude do histórico acordo alcanzado coa Fegamp na pasada lexislatura, e a nova proposta da Xunta é acadar os 16 euros hora ao remate desta lexislatura. En concreto, subiríase ata os 14 euros o vindeiro ano; ata os 15 no 2027; e chegaríase aos 16 euros no 2028.
Para a Xunta, a única forma de avanzar é deixar fóra do debate o partidismo, xa que se trata dunha cuestión transversal que afecta aos 313 concellos de Galicia e, todos eles, con independencia do signo político que teñan, agardan por estes fondos. Por iso, o Executivo autonómico non pecha a porta a futuras negociacións e confía en desbloquear a situación, porque aínda que o SAF é unha competencia municipal, é consciente da suba dos prezos deste servizo, que beneficia a arredor de 24.000 galegos.
O Goberno galego mantén firme o seu compromiso de seguir aumentando a colaboración cos concellos, incrementando as horas de SAF e actualizando os prezos. De feito, os orzamentos para 2026 volven reforzar a partida destinada a este servizo, ata sumar 148 millóns de euros.
Compromiso de lexislatura
O acordo da pasada lexislatura coa Fegamp propiciou unha subida do 24% no financiamento do SAF, que pasou de 9,7 euros a hora no 2020 aos 12 euros. A proposta de agora suporía un incremento do 33%, nove puntos máis co anterior.
Así mesmo, as novas contas da Xunta realizan un importante esforzo económico para seguir mellorando a atención á dependencia. En concreto, aumentan en 94 millóns de euros os fondos que se destinan a este ámbito, superando os 844 millóns de euros, un 17% máis que este ano. Esta subida permitirá seguir ampliando o número de persoas atendidas e cubrir con fondos propios a falta de compromiso do Goberno central.
Neste sentido, hai que lembrar que o Goberno de España está moi lonxe de financiar o 50% da dependencia ao que está obrigado por lei. De feito, está a diminuír a súa achega, que pasou do 40% no 2023 ao 34% o exercicio pasado. Este déficit no financiamento supón que a débeda con Galicia sexa cada ano maior e chegará aos 2.900 millóns de euros no 2026.