Miguel Corgos defende a sostibilidade e a intelixencia artificial como motores de cambio na Administración pública

O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou as X Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia

A adaptación e renovación dos procesos, estruturas e normativas abren novos campos de traballo aos auditores 

Galicia, primeira rexión europea en regular a supervisión da IA, conta xa cunha norma que vela polos dereitos das persoas e mellora a eficacia da Administración e a súa relación coa cidadanía

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu hoxe a sostibilidade e a intelixencia artificial como materias que están cambiando de xeito substancial a forma de traballar na Administración pública.

Durante a inauguración das X Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia, Miguel Corgos lembrou que ambos aspectos esixen a adaptación e renovación dos procesos, estruturas e normativas no labor das persoas auditoras.

A obriga de todas as empresas consideradas de interese público de presentar información sobre a súa sostibilidade e como afecta á súa evolución e resultados supón unha grande responsabilidade para os auditores, “debido ao impacto que ten a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e da Axenda 2030 no marco actual”, aseverou o conselleiro.

No contexto vixente das administracións públicas é evidente a importancia das políticas de sostibilidade medioambiental no referido aos fondos europeos, explicou Miguel Corgos. En concreto, o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) inclúe como dous principios básicos da súa xestión o etiquetado verde e o de no causar prexuízo significativo.

Intelixencia artificial

O conselleiro fixo tamén referencia ao outro tema en torno ao que xiran as xornadas, a intelixencia artificial, que “está cambiando radicalmente a forma de traballar.” Esta ferramenta tecnolóxica permite analizar con facilidade grandes cantidades de datos e, ademais, posibilita melloras na detección de riscos, o que ofrece maior exactitude nos resultados dos controis.

Porén, advertiu Miguel Corgos, o uso desta tecnoloxía supón tamén asumir riscos sobre a privacidade e a seguridade dos datos, polo que é preciso, en todo momento, garantir que a cidadanía non perde o seu dereito á privacidade.

Iso é o que Galicia fixo, ao ser a primeira rexión europea en regular a supervisión da IA, afirmou o responsable da Facenda galega. Agora conta cunha norma que vela polos dereitos das persoas e mellora a eficacia da Administración e a súa relación coa cidadanía.

Miguel Corgos rematou louvando a importancia destas xornadas para actualizar coñecementos nos ámbitos da auditoría e da contabilidade e, en especial, sobre o seu impacto das obrigas de sostibilidade e o uso da IA.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025