A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe os traballos que veñen de comezar neste novo tramo da prolongación da AG-59
A Xunta inicia as obras do segundo treito da autovía Santiago-A Estrada, entre Pontevea e O Rollo, que suporá un investimento de máis de 31M€
Allegue explicou que este tramo de 4km constará de dous viadutos, un sobre o río Ulla e outro sobre o Vea, ademais dun paso superior e 4 pasos inferiores
Sinalou que as obras do primeiro tramo entre A Ramallosa e Pontevea, cun orzamento de 32,3M€, estarán rematadas nos primeiros meses de 2026
Salientou que a Xunta segue a traballar para acadar no 2028 unha autovía que permitirá reducir a 10 minutos a viaxe de Santiago ao concello da Estrada
Remarcou que a prolongación da AG-59 é unha actuación que contribuirá a mellorar a seguridade viaria e reforzar a competitividade da comarca de Tabeirós-Terra de Montes
A Estrada (Pontevedra), 13 de novembro 2025
A Xunta inicia as obras do segundo treito da autovía Santiago-A Estrada (AG-59), entre Pontevea e O Rollo, que suporá un investimento de máis de 31M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe os traballos deste novo treito da prolongación da AG-59.
O citado tramo, que contará cunha lonxitude de 4km, constará doutros dous viadutos, un sobre o río Ulla e outro sobre o Vea, ademais dun paso superior e 4 pasos inferiores, por onde están a comezar as obras.
Allegue explicou que o proxecto desta intervención se impulsou de xeito paralelo mentres avanzan as obras do primeiro tramo, entre A Ramallosa e Pontevea, neste caso, 3,5Km no concello de Teo.
Sinalou que o Goberno galego está a investir neste primeiro tramo un orzamento de 32,3M€ e as obras están a entrar na recta final. Detallou que se prevé o remate dos traballos nos primeiros meses do 2026.
Fixo fincapé na envergadura e na complexidade destes traballos, que precisaron de voaduras para acometer escavacións para os desmontes en zonas rochosas, que non podían ser realizadas con medios mecánicos convencionais.
Remarcou que a prolongación da autovía AG-59 é unha actuación estratéxica que contribuirá a mellorar a seguridade viaria e facilitar a comunicación entre a capital galega e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, favorecendo a súa competitividade.
Salientou que a Xunta segue a traballar para acadar no 2028 unha autovía, cun total de 14km e cun investimento de 67M€ nestes dous treitos, que permitirá reducir a 10 minutos a viaxe de Santiago ao concello da Estrada.