Portos de Galicia e o Concello de Cariño acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos innecesarios do peirao
O presidente do ente público reuniuse coa alcaldesa para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e, no seu caso, trasladarse ao Concello en base aos criterios técnicos consensuados coa Fegamp
A zona afectada abrangue as parcelas do Campín, a praza Roxa o parque da Confraría e as naves das antigas conserveiras na contorna da avenida Fraga Iribarne
Este encontro enmárcase na terceira e última fase do proceso polo que xa se remitiron a Administración Xeral as propostas de 17 dos 25 municipios que o pediron
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
Portos de Galicia e o Concello de Cariño acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e a alcaldesa Ana María López na sede do organismo portuario.
No encontro ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Cariño dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente coa Fegamp.
En concreto no caso do porto de Cariño os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense coa parcela do Campín, a praza Roxa o parque da Confraría e as naves das antigas conserveiras, na contorna da avenida Fraga Iribarne.
A reunión co Concello de Cariño enmárcase na terceira e última fase do proceso polo que Portos de Galicia está a remitir á Administración Xeral do Estado as propostas de reversión daqueles municipios que solicitaron a titularidade de terreos portuarios de uso público. A día de hoxe a Xunta remitiu xa as propostas consensuadas con 16 dos 25 municipios que o solicitaron a fin de que a Administración estatal, como competente na materia, decida sobre a reversión e, no seu caso, transferencia aos concellos.
Melloras portuarias
Durante a reunión Portos de Galicia e o Concello de Cariño acordaron tamén acometer a reparación e mellora das naves de titularidade do ente público situadas na avenida Fraga Iribarne número 2 e 4. Portos de Galicia encargarase de reforzar as condicións de seguridade do inmoble do número 4 para poder retirar as vallas instaladas ata o momento. Pola súa parte, o Concello de Cariño mellorará o inmoble situado no número 2 para o que tramita unha autorización de uso para actividades deportivas, náuticas e culturais.