A Xunta analiza coas Confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó a situación do sector e destaca as medidas de apoio ao marisqueo
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou que, desde o 2021, foron mobilizados 769.000 euros en apoios a iniciativas destas tres entidades ao abeiro das liñas de axuda á rexeneración e das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo
O encontro forma parte da intensa axenda de contactos do Goberno galego coas entidades sectoriais no marco do modelo de cogobernanza que rexe a xestión pesqueira en Galicia
Poio (Pontevedra), 13 de novembro do 2025
A Xunta analiza coas confrarías de pescadores de Lourizán, Pontevedra e Raxó a situación do sector e as necesidades dos profesionais do mar nesta zona do litoral galego. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, que presidiu o encontro cos responsables das tres entidades, puxo en valor as medidas de apoio despregadas polo Goberno galego dirixidas a mellorar a sustentabilidade e competitividade da actividade marisqueira nesta zona da ría de Pontevedra.
A responsable autonómica fixo balance e salientou que desde o 2021 a Consellería do Mar mobilizou 769.000 euros en apoios a iniciativas destas tres entidades ao abeiro das liñas de axuda á rexeneración dos bancos marisqueiros e das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Entre as accións realizadas destaca a executada pola lonxa de Campelo para a adquisición de equipamento para o acondicionamento das zonas produtivas e mellora da biodiversidade. Así, dotouse a unha embarcación dun guindastre adaptado á máquina de limpeza de algas no submareal, dun cultivador con inxección de auga a presión regulable para o mantemento e rexeneración dos bancos de marisqueo a pé e a flote e un arado con capacidade de volteo do sedimento.
Ángeles V. Suárez sinalou que esta actuación exemplifica a liña de traballo conxunta do sector e a Administración autonómica xa que permitiu mellorar a estrutura sedimentaria nas zonas máis enlodadas, reducir a deposición de materiais finos, diminuír a resupensión dos elementos máis finos retidos no sedimento, o incremento da cantidade e da variedade de individuos infaunais, reducir a mortaldade e efectos subletais vencellados á cobertura de algas sobre as poboacións, e evitar as perdas de fixación e mortaldade larvaria.
A xuntanza tamén serviu para estudar e avaliar o desenvolvemento de novas medidas que permitan avanzar na sustentabilidade da actividade marisqueira, un sector estratéxico para a comunidade. Así, as tres confrarías agrupan, no que se refire ao marisqueo a pé, a un total de 442 persoas mariscadoras a pé. Con esta reunión dáse continuidade á intensa axenda de contactos do Goberno galego coas entidades sectoriais coa finalidade de abordar as singularidades da actividade pesqueira e marisqueira de cada zona, no marco do modelo de cogobernanza que rexe a xestión pesqueira en Galicia.