A Xunta destaca a estabilidade política e institucional de Galicia para atraer investimento produtivo e xerar riqueza e benestar
O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou o XXI Foro Aduaneiro, que se celebra na Coruña ata mañá sábado
O sector exterior está a ter un papel cada vez máis relevante no crecemento de Galicia, superior á media desde a pandemia
O Goberno galego valora o seu dinamismo que favorece a apertura e a competitividade da economía galega
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que a estabilidade política e institucional de Galicia é clave para atraer investimento produtivo e xerar riqueza e benestar. Durante a inauguración do XXI Foro Aduaneiro que se celebra na Coruña ata mañá sábado, Miguel Corgos puxo o foco no sector exterior galego que está a ter un papel cada vez máis relevante no crecemento de Galicia, superior á media desde a pandemia.
O responsable da Facenda galega lembrou ante os profesionais das aduanas que Galicia vive o seu mellor ciclo exportador, consolidando unhas ventas anuais ao exterior por riba dos 30.000 M€. O Goberno galego valora este dinamismo do sector exterior que se debe, explicou Corgos, á boa posición dos produtos galegos nos mercados internacionais, o que favorece a apertura e a competitividade da economía galega.
Miguel Corgos botou man dos datos oficiais máis recentes, correspondentes ao mes de agosto, para dar unha idea da vantaxosa situación de Galicia nos mercados internacionais, co mellor balance de exportacións, con preto de 20.200 M€, e o segundo mellor tráfico da historia, con máis de 34.300 M€ sumando as importacións. O transporte por estrada acadou máis de 18.000 M€ e o aéreo, preto de 1.600 millóns. Pola súa parte o tráfico marítimo acadou o seu mellor dato desde 1995 con 14.400 M€.
Estes datos amosan que Galicia non ten unha exposición excesiva ao mercado estadounidense e, para o conselleiro de Facenda, demostran que Galicia soubo consolidar un tecido empresarial cada vez máis internacional e con produtos de calidade que gañan posicións nos mercados foráneos.
Porto exterior da Coruña
Miguel Corgos recoñeceu a importancia do Porto Exterior da Coruña nestas cifras, xa que se configura como un polo de atracción de investimentos estratéxicos grazas ás súas instalacións, a súa accesibilidade e a súa localización privilexiada.
Isto xustifica, explicou, a necesidade da nova terminal marítima de combustibles, un proxecto de máis de 100 M€ que vai permitir operar tanto con combustibles convencionais como cos sostibles, o que representa “un avance decisivo” para o tecido industrial galego e o futuro enerxético da Comunidade. Un espazo que situará a Galicia na vangarda da economía das enerxías limpas, ao tempo que reforzará a capacidade loxística do porto, concluíu o conselleiro.