As contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social cunha suba por riba da media do orzamento e con melloras no acceso á vivenda
Os presupostos do vindeiro ano aseguran as partidas necesarias para aliviar a carga da cidadanía coa suba de prezos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse cos axentes económicos e sociais para informarlles sobre o proceso de elaboración de Orzamentos para 2027
O Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo, ademais de aproveitar a riqueza do Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 06 de outubro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura.
Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, “que queremos que sexa –sentenciou- o mellor da historia”.
O conselleiro reuniuse esta mañá cos axentes económicos e sociais para informarlles sobre o proceso de elaboración de Orzamentos para 2027 e avaliar a evolución da economía galega. Unha evolución que, recordou, está indo mellor do agardado inicialmente, tal e como se anunciou na aprobación do Teito de Gasto.
Nesta liña, Corgos avanzou que para 2027, Galicia poderá encadear sete anos de crecemento económico, cunha evolución máis positiva que a media de España na postpandemia.
Sobre o mercado laboral, precisou que, logo de conseguir estabilizar desde hai dous anos a taxa media de paro por debaixo do 10 %, este ano xa estará próxima ao 8 %, e por debaixo desta cifra o vindeiro ano, preto dos mínimos históricos.
Por outra banda, Corgos confirmou que 2027 será o cuarto ano consecutivo cun orzamento en estabilidade, sen necesidade de novo endebedamento, e confirmou que a Administración autonómica galega xa ten reservada a partida necesaria para poder revalorizar nun 5 % os salarios dos empregados públicos. E o Capítulo 1 dos orzamentos tamén recollerá as melloras retributivas autonómicas pactadas nos eidos educativo, sanitario e xudicial.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu facendo fincapé en que a estabilidade permitirá que, un ano máis, a Xunta presente en tempo e forma o seu proxecto de Orzamentos, mentres que en España remata a lexislatura sen ningún orzamento en tres anos.