Europa salienta a boa administración de Galicia na xestión dos Fondos Europeos
Membros da Comunidade Europea recollen as demandas da Xunta para que as rexións sexan partícipes do novo marco financeiro plurianual 2028-2034
O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse en Bruxelas con representantes de diferentes departamentos para trasladarlles a visión galega
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2026
Europa salienta a boa administración de Galicia na xestión dos Fondos Europeos. É o que se desprende da presenza dunha delegación da Consellería de Facenda e Administración Pública en Bruxelas esta semana. Membros da Unión Europea recolleron as demandas da Xunta para que as rexións sexan partícipes do novo marco financeiro plurianual 2028-2034.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, aproveitou a súa presencia na sede do Parlamento Europeo, onde participou no acto da coalición EuRegions4Cohesion para demandar unha política de cohesión accesible a todas as rexións, cun enfoque territorial baseado na gobernanza multinivel.
Para iso, ademais da súa intervención no Parlamento, mantivo unha reunión coa directora xeral adxunta do Grupo de Traballo sobre Reformas e Investimentos (SG Reform), María Teresa Fábregas, acompañada das unidades de España da Comisión dos distintos fondos europeos, e outra co xefe da Unidade do Marco Financeiro Plurianual (DG Budget), Franck Conrad. Acompañado do director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, expuxeron as preocupacións de Galicia para o novo marco, como a esixencia da participación real das autoridades locais e rexionais na preparación e execución dos plans, ou a necesidade dun orzamento específico e diferenciado para preservar unha resposta financeira suficiente para políticas estratéxicas.
Miguel Corgos explicoulles que Galicia defende unha distribución territorial baseada en criterios obxectivos e transparentes, xa que o cambio de arquitectura non pode traducirse nunha perda abrupta da capacidade de investimento das rexións, nin deixar a asignación territorial exclusivamente á decisión do Estado membro.
O conselleiro de Facenda dixo que a integración dos fondos nun plan estatal único non debe implicar unha perda da dimensión territorial nin da capacidade de decisión autonómica nas materias da súa competencia.
Para Galicia resulta preciso concretar as funcións da autoridade de xestión rexional: sistema de asignación e garantía dos recursos, a participación na interlocución directa coa Comisión, o papel da función estatal de coordinación, os fluxos financeiros, o sistema de seguimento, control e auditoría e a relación entre o capítulo galego e os capítulos sectoriais ou estatais.
Miguel Corgos avanzoulles aos representantes europeos que Galicia está xa a preparar o seu capítulo rexional: a Estratexia Galicia-Europa 2030, que permitirá identificar prioridades, proxectos e reformas susceptibles de integrarse tanto no Plan como nos instrumentos de xestión directa da Comisión Europea.
Se ben Galicia está de acordo na reforma da política de cohesión para simplificar os instrumentos de financiamento, o conselleiro de Facenda pediulles que esa simplificación non se traduza en centralización, xa que o marco financeiro plurianual só será compatible cunha verdadeira cohesión territorial se combina regras máis simples cunha gobernanza multinivel efectiva, recursos rexionais identificables e estables e capacidade real das autoridades territoriais para participar no programación e xestión das reformas e investimentos.