O presidente da Xunta mantivo un diálogo con Salvador Illa e Imanol Pradales no marco do VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico
Rueda reivindica a aposta da Xunta por construír máis vivenda pública e desenvolver solo para ampliar a oferta de fogares
Rexeita que se poñan en marcha medidas que xa teñen demostrado ser ineficaces e xeran inseguridade xurídica no mercado
Incide en que “se non hai un financiamento xusto non haberá cohesión territorial” e sinala que “non queremos ser máis que ninguén pero tampouco poderiamos admitir ser menos, e iso é cohesión”
Defende “a vixencia e a necesidade do Estado autonómico e a descentralización ben plantexada”
O Grove (Pontevedra), 2 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a aposta do Goberno galego por construír máis vivenda pública e desenvolver solo para levantar novos inmobles co obxectivo de ampliar a oferta a disposición da cidadanía. Así o apuntou esta mañá durante unha mesa de diálogo sobre cohesión e competitividade territorial na que conversou co lehendakari do Goberno vasco, Imanol Pradales, e co presidente da Generalitat de Cataluña, Salvador Illa.
Na súa intervención, Rueda rexeitou que se poñan en marcha medidas que xeran inseguridade xurídica no mercado. Ao contrario, defendeu que para paliar o problema da oferta de vivenda, a parte de protexer ao vulnerable, é preciso construír. Neste punto, lembrou que Galicia terá nesta lexislatura 4.000 vivendas públicas máis, e que xa están todas en marcha, e que ao mesmo tempo se está desenvolvendo solo para a construción de 20.000 fogares máis a prezo social.
No referido ao papel das comunidades autónomas no ámbito da competitividade, o titular do Executivo galego explicou que Galicia xera ese marco a través da estabilidade política e económica. Recordou que desde o ano 2009 “Galicia aproba sempre os seus presupostos e entran en vigor o 1 de xaneiro”, facendo así mesmo mención á débeda contida, o crecemento económico ou as cifras de emprego históricas.
Partindo desta estabilidade política e económica, Rueda falou da proxección de futuro, con novas oportunidades industriais que, no caso de Galicia, veñen favorecidas “polas novas enerxías verdes” e os recursos mineiros, apuntando que todo iso vai haber que explotalo “con sentidiño e esixindo moito respecto e cumprimento de normas”, pero advertindo de que “non imos perder esas oportunidades”.
Competir en condicións de igualdade
O presidente fixo fincapé en que en Galicia “non queremos ser máis que ninguén pero tampouco poderiamos admitir ser menos, e iso é cohesión”, sinalando que os territorios “competiremos, pero sobre unhas condicións de igualdade básicas, e logo aí cada un coas súas habilidades e as súas capacidades”. Neste marco reivindicou “a vixencia e a necesidade do Estado autonómico e a descentralización ben plantexada” e, incidiu en que manter un nivel de servizos públicos cada vez máis de maior calidade require de financiamento.
O responsable do Executivo autonómico incidiu en que “se non hai un financiamento xusto non haberá cohesión territorial”, recordando que o sistema proposto “sitúa a Galicia na cola, “e non estabamos nesa posición”. Neste eido, Rueda rexeitou así mesmo negociacións bilaterais xa que, segundo sinalou, “non podemos admitir que se se quere repartir algo se vaia repartindo por partes”.
Por outra banda, entre os retos que hai que intentar superar, o responsable do Executivo autonómico referiuse ás ausencias ao traballo evitables, “que está lastrando a competitividade” e que hai que atallar protexendo sempre “o dereito do que está enfermo”. Tamén mencionou as vacantes de postos de traballo, lembrando neste punto a aposta da Xunta pola formación e por unha inmigración ordenada.