A Xunta denuncia que o modelo de financiamento aprobado polo Goberno central en contra do 80 % da poboación afectada supón un novo agravio a Galicia

A proposta do Goberno central non só non mellora o peso do avellentamento e a dispersión, senón que o diminúe, de xeito que a comunidade galega pasa a ser a terceira autonomía con peor financiamento

O Executivo galego avoga por que a proposta sexa rexeitada no Congreso dos Deputados e que as comunidades pacten no CPFF un novo modelo cun reparto equitativo dos recursos, sen diferencias nin agravios entre os territorios

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, denunciou hoxe, no Parlamento, que o modelo de financiamento aprobado polo Goberno central en contra do 80 % da poboación afectada supón un novo agravio a Galicia.

En resposta a unha pregunta sobre a valoración do Executivo galego do último Consejo de Política Fiscal y Financiera, Corgos trasladou a sensación de frustración da Administración galega, “xa que pese a que en todo momento a Xunta actuou con lealdade institucional e con ánimo construtivo para mellorar unha proposta moi negativa para a Comunidade –explicou-, o Goberno central nunca tivo vontade nin capacidade real de diálogo”.

Nesta liña, lembrou que, ademais de pasar dun modelo baseado nas necesidades de gasto a outro que pivota sobre a capacidade tributaria, a proposta do Goberno central non só non mellora o peso do avellentamento e a dispersión, senón que o diminúe, de xeito que a comunidade galega pasa a ser a terceira autonomía con peor financiamento.

“O resultado non pode ser máis desalentador, pois, por primeira vez, ábrese a porta a que os cidadáns reciban servizos mellores ou peores segundo onde residan”, sentenciou, incidindo en que Galicia non pode aceptar esta proposta porque trátase dunha comunidade con máis necesidades de gasto que a media e con menor capacidade tributaria que a media.

Durante a súa intervención, Corgos lamentou que o Goberno central non pensase en ningún momento en mellorar as condicións de financiamento das CC.AA., senón tan só en tentar cumprir as esixencias dos seus socios independentistas para seguir gobernando.

Un reparto equitativo, igualitario e sen diferencias nin agravios entre territorios

Diante desta situación, aseverou que o que Galicia necesita é que esta proposta non saia adiante no Congreso dos Deputados e que, posteriormente, tomando como base os traballos técnicos que xa ten á súa disposición o Goberno, haxa unha verdadeira negociación multilateral, no Consejo de Política Fiscal y Financiera, para consensuar, entre todos, un reparto equitativo, igualitario, sen diferencias nin agravios entre territorios.

“Galicia xógase o futuro do noso Estado do Benestar, ter recursos suficientes para financiar a nosa sanidade, a nosa educación e as nosas políticas sociais”, dixo, pedindo o apoio dos grupos parlamentarios da oposición.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu incidindo en que aínda se está a tempo de que este novo agravio do Goberno central non se materialice, co seu rexeitamento no Congreso. E se pacte, entre todas as comunidades, unha nova proposta cun reparto equitativo e sen diferencias entre territorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026