Máis de 56.000 galegos aforraron 7,25 M€ no que vai de ano grazas ás rebaixas fiscais da Xunta para mercar un vehículo de segunda man
Co obxectivo de incentivar a compra de vehículos máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta eliminou este imposto para os de 0 emisións
Santiago de Compostela, 05 de outubro de 2026
Máis de 56.000 galegos aforraron 7,25 millóns de euros no que vai de ano, grazas ás rebaixas fiscais postas en marcha pola Xunta para mercar un vehículo de segunda man.
Este aforro foi posible debido á decisión do Goberno galego en 2024 de reducir en máis da metade o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra-venda de vehículos usados, pasando do 8 % ao 3 %, para aliviar o custe final da compra.
Deste xeito, unha persoa que merque un vehículo de segunda man en Galicia, por exemplo, cun valor de 10.000 euros, pasou de pagar 800 euros de ITP antes do 2024 a abonar 300, cun aforro de 500 euros. Unha medida que sitúa a Galicia como a Comunidade Autónoma coa tributación máis baixa de España neste eido.
Así mesmo, cómpre lembrar que para incentivar a compra de vehículos máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta eliminou este imposto para os de 0 emisións e de mobilidade persoal.
A Xunta compatibiliza a continua mellora dos servizos públicos con alivios fiscais selectivos, co obxectivo de que os galegos e as galegas poidan facer fronte ás súas necesidades e minorar os efectos da inflación. Desde o ano 2009, o Goberno galego levou a cabo 138 baixadas de impostos das que se teñen beneficiado o conxunto da cidadanía. O 98,5 % desas rebaixas benefician ás rendas medias e baixas. No que vai de lexislatura, as rebaixas fiscais aprobadas pola Xunta permitiron un aforro de máis de 1.100 M€ no peto dos galegos.