O conselleiro de Sanidade visitou esta mañá a mesa informativa que a Asociación Compostelán de Diabéticos instalou na praza do Toural coincidindo co Día Mundial da Diabetes
Gómez Caamaño salienta o seguimento telemático que o Servizo Galego de Saúde realiza a máis de 12.000 pacientes diabéticos
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a mesa informativa que a Asociación Compostelán de Diabéticos instalou na praza do Toural no marco dos actos conmemorativos do Día Mundial da Diabetes.
O sistema sanitario público galego conta con máis de 250.000 pacientes con algunha etiqueta clínica de diabetes. A Xunta está a implementar diferentes medidas co obxectivo de mellorar a calidade destas persoas. Entre outras, cómpre destacar a adquisición de bombas de insulina e sistemas de control da glicosa por un importe de case 80 millóns, e tamén, a monitorización de máis de 12.000 pacientes mediante a Plataforma Tecnolóxica de Asistencia Domiciliaria (TELEA).
A enfermidade da diabetes fai referencia a un conxunto de patoloxías endocrino-metabólicas, cuxa característica común principal é a presenza de concentracións elevadas de glicosa no sangue de maneira persistente ou crónica, por mor dun defecto na produción de insulina, da unha resistencia á acción desta para utilizar a glicosa, polo aumento na produción de glicosa ou a unha combinación destas causas.