A Xunta impulsa coa Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares espazos de reflexión profesionais para visibilizar estas doenzas
A directora xeral de Persoas con Discapacidade trasladou o compromiso do Goberno galego para seguir traballando da man do sector asociativo para acompañar a quen máis o precisa
Vigo, 15 de novembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na inauguración das VII Xornadas da Asociación galega de enfermidades neuromusculares (ASEM). A Xunta colabora con esta entidade referente para as familias e doentes que leva máis de 30 anos traballando na visibilización destas doenzas.
Begoña Abeijón destacou que este tipo de espazos son fundamentais para o intercambio de experiencias e diálogos entre os profesionais, pero tamén coas persoas afectadas. Neste senso, sinalou que desde o Goberno galego apoian as diferentes iniciativas desta entidade que buscan sensibilizar sobre as enfermidades neuromusculares e achegalas á realidade cotiá.
A directora xeral agradeceu o labor que desenvolven as entidades sociais coma esta que representan un piar fundamental para as familias afectadas. Por iso mesmo, trasladou o compromiso da Xunta para seguir traballando da man do tecido asociativo que é a mellor maneira de chegar ás persoas que máis precisan.