A Xunta reivindica a xestión descentralizada dos fondos europeos na asemblea xeral da ARFE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE defendeu o contido da recente Declaración Galicia, na que as comunidades e os municipios españois defenden unha xestión descentralizada no futuro dos fondos europeos

A asemblea xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa serviu de foro para definir a súa posición sobre futuro do Marco Financeiro Plurianual e a proposta presentada pola Comisión Europea

Gorizia (Italia), 14 de novembro de 2025

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reivindicou a Declaración Galicia ante a asemblea xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) como un primeiro paso para a un acordo entre todas as rexións con respecto ao futuro do financiamento europeo. Este foro de rexións transfronteirizas celebrou a xuntanza na cidade italiana de Gorizia para debater aspectos fundamentais para a vertebración de Europa, como a cohesión ou o futuro da integración europea.

A Declaración Galicia, aprobada por unanimidade da delegación española no Comité Europeo das Rexións, reclama unha maior participación autonómica na planificación e xestión dos fondos europeos e dun xeito especial no que atinxe aos destinados á cooperación transfronteiriza. O director xeral tamén solicitou, en base aos resultados obtidos ata agora, que se incremente a dotación a este aspecto, pola rendibilidade social e económica que estes programas veñen demostrando desde a súa posta en marcha.

Jesús Gamallo lembrou que estes fondos teñen unha especial relevancia para harmonizar o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste caso artículanse a través do Programa Interreg VA España Portugal (POCTEP), que financia actuacións concretas para a Eurorrexión.

Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas

A Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas constituíuse como a organización que agrupa as rexións transfronteirizas de Europa. Fundada en 1971 conta con máis de 100 socios, o que representa a práctica totalidade das liñas fronteirizas europeas, tanto interiores como exteriores. Galicia foi a primeira entre as rexións españolas en integrarse nesta institución, adhesión que se fixo efectiva en 1991.

Data de actualización: 14/11/2025