Galicia, primeira comunidade en aprobar o teito de gasto non financeiro para 2027, con máis de 15.000 M€ para dar resposta ás prioridades dos galegos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe na Cámara galega o límite de gasto para o vindeiro ano

Resaltou que este teito de gasto consolida unha senda crecente dos orzamentos de Galicia, que pasan a nutrirse na súa totalidade de recursos ordinarios e que permite consolidar a solvencia e a estabilidade orzamentaria das finanzas autonómicas

A Xunta actualizou tamén con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, mellorando a estimación de crecemento do PIB

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

Galicia garante un ano máis de estabilidade e pona ao servizo da cidadanía, sendo a primeira comunidade en aprobar no Parlamento o teito de gasto non financeiro para 2027, que supera os 15.000 M€ para dar resposta ás prioridades dos galegos: o reforzo dos servizos públicos e a transformación do modelo produtivo, cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial, ademais de mellorar o acceso á vivenda e garantir o mellor Xacobeo da historia.

Durante a súa presentación hoxe no Parlamento, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu a todos os grupos o seu apoio para un teito de gasto que esgota a capacidade máxima fixada pola regra de gasto e que consolida unha senda crecente dos orzamentos de Galicia, que pasan a nutrirse na súa totalidade de recursos ordinarios e que permite consolidar a solvencia e a estabilidade orzamentaria das finanzas autonómicas.

Corgos subliñou que, un ano máis, a boa evolución da economía galega permite que os recursos procedentes da recadación tributaria propia e a través do sistema de financiamento medren de maneira significativa en 859 M€, un 6,8 % máis.

“Esta evolución dos ingresos propios resulta compensada cos axustes de contabilidade nacional, o obxectivo de estabilidade ata aumentar nun 6 %. Para obter dito gasto computable compre restarlle a estes recursos propios o gasto non computable para a regra –intereses, financiamento non condicionado e investimos financeiramente sostibles-. Grazas ao bo desempeño fiscal dos últimos anos, pódese dedicar a novos investimentos 150 M€ a maiores da regra de gasto. Isto determina uns recursos propios autonómicos que medran un 6,1 %”, precisou, resaltando tamén que os fondos finalistas suben en 185 M€, o que reflicte unha programación de fondos europeos deseñada para compensar a finalización do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia, que contaba o ano pasado con 150 M€.

Con todo isto, en total, o límite de gasto para 2027 sitúase nos 15.022 millóns, un 5,5 % máis que o no 2026, sendo o ano que vén o primeiro exercicio desde a pandemia que non conta con recursos extraordinarios.

Sete anos de crecemento sostible e continuado

Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualizou tamén con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, mellorando a estimación de crecemento do PIB.

Así, o Goberno autonómico prevé para o 2026 un crecemento da economía dúas décimas superior ao fixado nos orzamentos en vigor, pasando do 1,9 % ao 2,1 %. “Unha cifra prudente e que non descartamos mellorar”, subliñou o conselleiro de Facenda, logo de recordar que a Administración autonómica leva cinco exercicios consecutivos mellorando as previsións de crecemento incluídos nos orzamentos.

“E, para 2027, queremos manter esta prudencia e situar o avance do PIB no 1,9 %”, engadiu, precisando que, desta forma, Galicia encadeará sete anos de crecemento sostible e continuado, cunha mellor evolución que a media de España, cun diferencial de 1,3 puntos de maior crecemento agardado para o ano que vén (16,7 fronte a 15,4).

Respecto á taxa de paro, Miguel Corgos lembrou que a Xunta xa conseguiu estabilizala por debaixo do 10% desde hai tres anos e, desde entón, segue baixando ano a ano. Así, en 2025 foi do 8,3 %, para este exercicio estímase que sexa do 8,1% e para 2027 que caia ata o 7,7 %, rozando os mínimos históricos.

Estabilidade, rigor e responsabilidade

Corgos incidiu en que a estabilidade, o rigor e a responsabilidade axudan a que Galicia manteña unha mellor evolución comparada tanto respecto do conxunto de España como da media da Unión Europea.

Así, por exemplo, a Comunidade acadou en 2024 o seu máximo histórico de converxencia coa media nacional, situándose no 93 %. Consolídase como un dos motores exportadores de España, superando os 30.900 millóns de euros e concentrado o 8 % do total das vendas exteriores, sustentado no liderado de sectores tractores como a automoción, o téxtil ou o agroalimentario. E está tamén entre as autonomías con menor ratio débeda/PIB, coa previsión de entre 2026 e 2027 reducila 1,4 puntos e situala por baixo do 13 % (ata o 12,6 %), anticipando tres anos o obxectivo que recolle o Plan Estratéxico de Galicia para o 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026