Miguel Corgos anuncia a Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2025 con máis de 700 novas prazas de acceso libre
O reforzo dos servizos públicos e a remuda xeracional están entre as prioridades do Goberno galego para o ano que vén
As contas de 2026 ascenden a 14.240 M€ e tres de cada catro euros dedícanse a sanidade, educación e política social, así como a políticas de emprego
Galicia define novas rebaixas selectivas para o vindeiro ano, con especial foco na vivenda e nos colectivos máis vulnerables
O conselleiro de Facenda e Administración Pública interveu no Debate de Totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para 2026
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, anunciou que antes de finais deste ano se aprobará a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración xeral para 2025 con máis de 700 novas prazas de emprego público de acceso libre.
Así o expuxo hoxe no Parlamento durante a súa intervención no Debate de Totalidade dos Orzamentos para 2026 onde explicou que o reforzo dos servizos públicos e a remuda xeracional están entre as prioridades do Goberno galego, para contar con empregados públicos motivados, ben formados e con mellores condicións de traballo, que dean resposta aos retos da Administración do século XXI e ás necesidades da cidadanía.
Miguel Corgos puxo en valor que o modelo orzamentario de Galicia potencia o crecemento da Comunidade, favorece o benestar da cidadanía e “senta as bases da Galicia Calidade do futuro.” Tamén quixo subliñar que para o vindeiro exercicio case a totalidade do orzamento, o 99 %, estará sustentado en financiamento ordinario, tendo en conta a caída dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que teñen que estar executados antes do 31 de agosto.
Reforzo dos servizos públicos
As contas autonómicas superan os 14.000 millóns de euros (14.240 M€) e a principal prioridade do Goberno galego é o gasto social. Tres de cada catro euros dedícanse a sanidade, educación e política social, así como para levar a cabo políticas de emprego para impulsar o crecemento futuro de Galicia. O Orzamento de 2026 dedica 10.588 millóns de euros a gasto social, 321 millóns de euros máis que o deste ano, cun incremento do 3,1 %.
Así, o orzamento destinado á Sanidade pública medrou en 1.655 M€ desde o ano 2019, ata os 5.640 M€, o que supón un crecemento do 41,5 % e a consolidación dos recursos extraordinarios achegados durante a pandemia.
Canto á Educación pública, os seus recursos aumentaron neste período en 661 M€, ata os 3.020 M€, cun incremento do 28 %. Neste período, o gasto por alumno de 2 a 24 anos pasou de 4.702 euros a 5.951 euros.
No referido ao gasto para políticas sociais, medrou en 691 M€, ata os 1.473 M€, o que supón unha suba do 88,3 %, case o dobre que en 2019. Mentres, os recursos para políticas de emprego medraron en 182 M€, ata os 444 M€, cun incremento do 69,1 %, e cunha caída do paro rexistrado nese período de case un terzo.
Impulso á vivenda
As contas continúan co impulso á vivenda e Miguel Corgos destacou que se vai afondar “na prioridade desta lexislatura”, achegando solucións aos problemas habitacionais, xa que o Goberno galego ten o compromiso de “duplicar o parque de promoción pública”, e pasar de 4.000 a 8.000 vivendas sociais, das que 3.000 están xa en marcha.
Para o ano 2026 dótase VIPUGAL con 40 M€ adicionais para financiar a construción das vivendas que se axusten á planificación da Xunta. Por outra banda, destínanse case 19 M€ ao Programa de Alugueiro de vivenda. Os orzamentos achegan 2 M€ para mercar baixos comerciais e poder transformalos en vivenda pública e 3 M€ para a promoción da rehabilitación de vivenda no rural.
Ademais, aumenta ata os 3 M€ o Bono Emancípate para subvencionar os primeiros gastos dos mozos no acceso á vivenda.
Novas rebaixas fiscais e consolidación das anteriores
Estas medidas refórzanse con rebaixas fiscais para as familias monoparentais, que se suman aos outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), que pode chegar ata a súa eliminación.
Aproveitando unha figura exclusiva do Dereito Civil galego, o contrato vitalicio, rebáixase a tributación para aqueles que cedan un inmoble á persoa que os coide. E increméntase o límite do prezo da vivenda de 200.000 a 240.000 euros, máis 30.000 euros por membro da unidade familiar, para poder beneficiarse dos tipos reducidos do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAXD).
As novas rebaixas fiscais volven centrarse nos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, ou a dos impostos ás persoas prexudicadas polos incendios do verán, así como as deducións para libros e material escolar. Os orzamentos do ano que vén, ademais, consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento, recordou Miguel Corgos.
Fortalecer o sector produtivo e apostar pola innovación
Os Orzamentos 2026 apostan tamén pola economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade, e para impulsar os sectores estratéxicos industriais. Da man da innovación, con algo máis de 400 M€ para o desenvolvemento de iniciativas no eido do I+D+i, Galicia seguirá apostando por infraestruturas e tecnoloxías de última xeración como a Factoría IA, o Cesga, o Polo de Rozas, a creación da Fundación Galtia ou a posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia e de CAR-T.
As contas de 2026 serán as terceiras de xeito consecutivo que non teñen endebedamento, xa que o Goberno galego blindou a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas. Deste xeito, continúase unha senda descendente da ratio débeda/PIB que se prevé que se achegue ao 13% en 2026, catro anos antes do obxectivo previsto inicialmente para 2030 no PEG. Na súa comparecencia, Miguel Corgos recordou que “Galicia non ten un problema de débeda, senón de financiamento”, e lamentou que o Goberno central, que fixo coincidir a convocatoria do Consejo de Política Fiscal e Financiera co debate do Orzamentos no Parlamento galego, non aproveitara para presentar un novo modelo de financiamento autonómico, tal e como reclaman a maioría das CC.AA.
En resumo, concluíu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, os orzamentos de Galicia para 2026 buscan consolidar un crecemento económico sostible, creando emprego de calidade, seguir impulsando a vivenda e reforzando o gasto social, afianzar o ensino gratuíto desde a escola infantil ata a universidade, continuar coa modernización dos sectores produtivos apostando pola innovación e o talento, poñendo atención no coidado do territorio e garantindo un turismo sostible na preparación do Xacobeo 2027. E todo, incidiu Miguel Corgos, para contribuír á senda de plena converxencia deseñada no Plan Estratéxico de Galicia 2030.