A Xunta pechou o 2025 cumprindo os obxectivos de estabilidade e con solidez orzamentaria para afrontar as incertezas económicas e políticas
O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirmou no Parlamento que a rendición de contas confirma “o bo desempeño fiscal e a solvencia da Facenda autonómica”
Miguel Corgos destacou que o gasto en sanidade, educación e políticas sociais se incrementou máis do 40 % nos últimos seis anos
Reivindicou unha política de alivio fiscal para a cidadanía e as empresas e lembrou as baixadas do tramo autonómico do IRPF en plena campaña da renda
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O Goberno galego pechou as contas de 2025 cumprindo os obxectivos de estabilidade e con solidez orzamentaria para afrontar as incertezas económicas e políticas. Galicia acadou un saldo fiscal positivo do 0,18 % do PIB, sendo a media das CC.AA. un saldo de -0,30 % do PIB. Este saldo fiscal lógrase acadando o 97,4 % de execución, o máximo que permite a regra de gasto.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirmou hoxe no Parlamento que a rendición de contas da Xunta confirma “o bo desempeño fiscal e a solvencia da Facenda autonómica”. Así, executáronse a totalidade dos fondos propios da comunidade autónoma e acelerouse a tramitación dos recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). “O noso compromiso”, explicou Miguel Corgos, “é rematar a execución este ano para garantir unha óptima absorción destes fondos por parte do tecido produtivo galego”.
Para o conselleiro, unha vez reforzado o gasto social, que aumentou en seis anos en máis de 3.000 M€ o que representa unha suba do 41,3 %, a sustentabilidade financeira permite seguir mellorando o investimento produtivo. En 2025, Galicia foi a segunda comunidade con máis peso do investimento sobre o gasto non financeiro, o 14,5 %, máis de 5 puntos superior á media.
Miguel Corgos destacou que non se trata dun dato illado, pois nos últimos seis anos “aumentáronse en 788 M€ os recursos destinados a investimento, cun incremento do 66 %”.
O responsable da Facenda galega reivindicou tamén a “política de alivio fiscal a cidadáns e empresas” que se amplía cada exercicio e que “é especialmente necesaria nestes momentos de suba dos prezos”. Coa campaña da renda en marcha, lembrou ademais as “catro baixadas do tramo autonómico” impulsadas desde o ano 2011 que permiten que, de media, un contribuínte galego pague case 500 € menos en IRPF que no ano 2009.
Endebedamento e PMP
Miguel Corgos explicou que a estratexia do Goberno galego foi manter, un ano máis, o “modelo de endebedamento responsable”, que permite que Galicia sexa a comunidade con menos incremento de débeda desde o 2009. “Nunca o peso da débeda galega”, afirmou o conselleiro do ramo, “foi menor no conxunto de España, o 3,5 % do total”, fronte o peso do PIB de Galicia que supera o 5 %”.
O pago áxil aos provedores foi outro dos temas que salientou o conselleiro, En 2025 pagáronse case 743.000 facturas, por importe de 4.652 M€ a 15.459 provedores, nunha media de 15,3 días, case a metade de tempo que a media das CC.AA. (26,2 días).
A solvencia de Galicia non se limita a un ano, senón que se mantén no tempo e recoñécese tanto no resto de autonomías como polo Banco de España, “que ven na nosa comunidade un exemplo de bo desempeño fiscal”, explicou Miguel Corgos, que estableceu un paralelismo entre a estabilidade institucional e a orzamentaria para explicar estes bos resultados. Os datos definitivos do ano 2025 servirán de base para realizar a avaliación intermedia do Plan Estratéxico 2030.
Incertezas
O conselleiro de Facenda comprometeuse a seguir nesta liña co orzamento que se está a executar neste momento, pero advertiu do momento de incerteza que se está a vivir, derivado de tres asuntos principais.
Para Miguel Corgos, o conflito de Irán é unha desas crises ás que houbo que reaccionar. Grazas a ter en vigor o orzamento de 2026, a Comunidade galega pode “afrontar en mellor disposición as consecuencias sobre as familias e as empresa galegas”. Así, reorientáronse e anticipáronse partidas orzamentarias para loitar contra os efectos desta crise, “axilizando o acceso aos recursos”.
Corgos avogou por unha resolución rápida do conflito pero, mentres tanto, asegurou que o Goberno galego seguirá traballando da man dos sectores máis afectados para “ir avaliando a situación de maneira periódica e tomando as medidas que sexan necesarias”.
A falta de orzamentos do Estado e as consecuencias para Galicia e a proposta do Goberno central sobre a reforma do financiamento autonómico, rexeitada por case todas as Comunidades, son os outros dous temas que preocupan ao responsable da Facenda galega.