A Xunta presenta aos clubs de Ferrolterra a nova plataforma ‘Terra Move’ de apoio ao mecenado deportivo coa Fundación Amare Terra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor esta iniciativa pioneira en España na que o Goberno galego inviste 250.000 euros 

“Buscamos facilitar que persoas, empresas e institucións poidan apoiar proxectos deportivos locais, contribuíndo non só ao seu financiamento, senón tamén á súa consolidación e crecemento”, explica Aneiros

As entidades deportivas e federacións reciben de maneira directa os fondos e recursos que precisan para as súas respectivas campañas a través de doazóns e os patrocinadores benefícianse das deducións fiscais previstas na lexislación española

Ferrol, 17 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na Delegación Territorial na presentación oficial a clubs, deportistas e federacións de Ferrolterra da plataforma solidaria Terra Move coa que o Goberno galego pretende facilitar o mecenado e a captación de fondos no ámbito deportivo, en colaboración coa Fundación Amare Terra.

Segundo explicou Aneiros durante a presentación na que estivo acompañada polo presidente da fundación, Jesús Martínez, esta ferramenta na que a Xunta inviste 250.000 euros -o 45% do orzamento total durante o período 2025-2027-, “nace coa vocación de fortalecer o noso tecido deportivo e de impulsar, con visión de futuro, o talento e o esforzo que definen o deporte en Galicia” e enmárcase dentro da estratexia do Goberno galego de aposta por novos modelos de apoio ao deporte base e minoritario.

“A través desta plataforma, pioneira en España, buscamos facilitar que persoas, empresas e institucións poidan apoiar proxectos deportivos, contribuíndo non só ao seu financiamento, senón tamén á súa consolidación e crecemento”, indicou Martina Aneiros. Desta forma, as entidades reciben de maneira directa os fondos e recursos que precisan para as súas respectivas campañas a través de doazóns e os patrocinadores benefícianse das deducións fiscais previstas na lexislación española.

A delegada territorial animou aos clubs de Ferrolterra a rexistrarse na plataforma de maneira gratuíta a través da que recibirán asesoramento para deseñar campañas coas que captar fondos ou material para os seus proxectos de interese común.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2025