Galicia lamenta que o Goberno central permita ás CC.AA. elevar o déficit sen incrementar a capacidade de gasto
Na reunión do CPFF celebrada hoxe, o secretario xeral técnico e do Tesouro criticou que, unha vez máis, se desaproveitara a ocasión de actualizar o Sistema de Financiamento Autonómico, tal e como piden a maioría das comunidades
David Cabañó reiterou que o encontro “chega tarde” porque o Goberno galego aprobou o mes pasado o Proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano
A ministra de Facenda rexeitou que as axudas ás persoas afectadas polos incendios deste verán non tributen
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025
O secretario xeral técnico e do Tesouro, David Cabañó, lamentou hoxe que o Goberno central permita ás comunidades elevar o déficit sen incrementar a capacidade de gasto.
Tras a reunión do Consejo de Política Fiscal e Financiera celebrada hoxe, David Cabañó destacou a incoherencia que supón por parte do Ministerio de Facenda fixar o obxectivo de déficit para 2026 nun 0,1% do PIB, unha cifra, dixo, que levaría á Xunta a incorrer nunha regra de gasto por riba do 6%. “O déficit que está a propoñer o Ministerio fai que os ingresos non poidan gastarse sen incumprir a regra de gasto”, explicou, facendo fincapé en que a regra de gasto para o vindeiro exercicio se fixa nun 3,5%.
Logo de trasladar o malestar polo retraso desta convocatoria que, no caso de Galicia chega tarde -cando xa aprobou o mes pasado os seus Orzamentos para 2026 e os está a debater no Parlamento-, David Cabañó criticou tamén que, unha vez máis, se desaproveitara a ocasión de actualizar o Sistema de Financiamento Autonómico, tal e como piden a maioría das comunidades. “Unha vez máis anúnciase unha reforma, esta vez para principios do vindeiro ano, pero sen determinar en que vai consistir e cantos recursos adicionais se van poñer enriba da mesa”, subliñou, reiterando a necesidade de que o Goberno central formule unha proposta de reforma que poida debaterse sen acordos bilateriais, dentro do Consejo de Política Fiscal e Financeira.
O Goberno non eximirá de impostos as axudas para os afectados polos lumes
Por último, o secretario xeral técnico e do Tesouro lamentou a negativa da ministra de Facenda, María Jesús Montero, a que as axudas ás persoas afectadas polos incendios deste verán non teñan que tributar.
Diante desta negativa, David Cabañó, recordou que o Goberno galego eliminará os impostos aos afectados polos incendios para compensar que non o faga o Executivo central: dedución do 100% da tributación no tramo autonómico do IRPF polas axudas autonómicas; redución do 100% na base do ISD polas doazóns recibidas para reparar ou repoñer bens danados; dedución do 100% no ITP-AXD polas operacións para substituír bens danados; e a exención das taxas da Xunta por servizos ou actuacións derivados dos incendios.