A Xunta publica as seis bolsas concedidas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución, na que se recolle que, catro das persoas seleccionadas teñen como destino as oficinas da cooperación española da AECID na República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique e as dúas restantes a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fan públicas a relación de bolsas concedidas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se desenvolverán durante os anos 2025 e 2026.
Estas bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo principal apoiar a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica con estadías nas unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
Das seis persoas seleccionadas, dúas teñen como destino a sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela e as catro restantes as oficinas da cooperación española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique.
As persoas bolseiras recibiron información sobre as liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das catro bolsas noutros países, sobre os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo.
Todos os países de destino destas bolsas, República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique, son considerados países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no V Plan Director 2023-2026.
As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do V Plan Director da Cooperación Galega.