A Xunta destaca a campaña ‘Nadal en Vilanova. Elixe o comercio local’ co gallo de incentivar o consumo nos establecementos de proximidade desta localidade
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 18 de novembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, participou hoxe na presentación da campaña Nadal en Vilanova. Elixe o comercio local, organizada pola Asociación de Comerciantes Vilanova Centro. Alí, puxo en valor esta iniciativa que busca incentivar o consumo nos establecementos de proximidade desta localidade arousá, a través da repartición de boletos —con cada compra no comercio local— nos que se poderá rascar e levar premios de entre 5 e 300 €, ata un total de 10.000 euros.
O director xeral puxo de relevo o labor dos centros comerciais abertos e asociacións de comerciantes á hora de dinamizar a economía e o emprego e fixar poboación no territorio e situounos como axentes fundamentais no marco do desenvolvemento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Lembrou iniciativas da Xunta a prol do comercio retallista das que se veñen beneficiando como os bonos Activa Comercio que clausuraron a comezos de mes a súa última edición, conseguindo mobilizar máis de 22,3 M€ en máis de 7.400 establecementos de proximidade no conxunto deste ano, en dúas edicións que —no caso da provincia de Pontevedra— supuxeron 9,1 millóns de euros en vendas.