Medio Rural destaca o papel das agrupacións forestais de xestión conxunta no incremento da produtividade e loita contra o abandono do monte
A conselleira María José Gómez visitou hoxe dúas destas entidades, situadas no concello ourensán do Bolo, e subliñou a súa contribución ao dinamismo do sector forestal galego, mediante a colaboración público-privada
Salientou que esta figura incide ademais nunha xestión forestal moderna, rendible e plenamente compatible coa conservación dos ecosistemas e lembrou que actualmente hai 44 agrupacións en marcha na nosa comunidade
Reafirmou o apoio da Xunta ao eido forestal en xeral e ao castiñeiro en particular, cunha planificación específica, liñas de axudas ou os esforzos na loita integrada contra pragas e enfermidades, entre outras medidas
O Bolo (Ourense), 18 de novembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe as agrupacións forestais de xestión conxunta como figura clave para fomentar o incremento da produtividade e para loitar contra o abandono do monte, incidindo na súa xestión sostible, profesional e colaborativa. Nunha visita ás agrupacións de Tuxe e Cambela, situadas no concello ourensán do Bolo, a conselleira puxo en valor esta ferramenta, que segundo afirmou facilita o dinamismo do sector, mediante a colaboración público-privada. Engadiu que esta cooperación permite avanzar nunha xestión forestal moderna, rendible e plenamente compatible coa conservación dos ecosistemas.
A titular de Medio Rural, que estivo acompañada nesta visita polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, salientou ademais as diferentes vantaxes das agrupacións. Así, mencionou, entre outras, a redución de custos, a mellora da planificación dos aproveitamentos e o establecemento dunha comunicación directa entre os propietarios e a Administración forestal. Nesta liña, Gómez puxo en valor o dato das 44 agrupacións que actualmente están xa en marcha en Galicia.
Neste contexto, a conselleira reafirmou, así mesmo, o compromiso de apoio da Xunta cara o sector forestal galego en xeral e, nomeadamente, ao castiñeiro, que -tal e como sinalou- se manifesta a través de diferentes iniciativas. Entre elas, cómpre poñer de relevo a planificación estratéxica, coa incorporación do Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, aprobado pola Xunta no ano 2022, dentro da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, este Programa recolle ata 36 actuacións, agrupadas en cinco grandes eixos: planificación, investigación, apoio ao sector viveirista, comercialización e mellora da competitividade.
Plan piloto de xestión conxunta de soutos
Do mesmo xeito, hai que valorar os avances no Plan piloto de fomento da xestión conxunta de soutos, desenvolvido en áreas estratéxicas das provincias de Lugo e Ourense e que propiciou, ata o momento, a constitución de cinco agrupacións forestais de xestión conxunta, entre elas as dúas visitadas hoxe no Bolo.
Asemade, a titular de Medio Rural recordou as diferentes liñas de axudas ao sector en xeral e ao fomento do castiñeiro en particular. Así, remarcou que só desde o ano 2022 o seu departamento destinou case 2,6 millóns de euros a financiar 145 proxectos, con actuacións en máis de 530 hectáreas e que suporán, entre outras cousas, a plantación de máis de 43.800 castiñeiros na nosa comunidade.
Para facerse unha idea da importancia destas plantacións en Galicia, cómpre salientar que na nosa terra existen arredor de 50.000 hectáreas de monte onde o castiñeiro é a especie predominante, e as cortas anuais de madeira acadan os 30.000 metros cúbicos, o que supón preto dun terzo do total nacional.
Outra das liñas de traballo da Xunta ten que ver coa loita integrada contra pragas e enfermidades. Desta forma, no marco do Programa Estratéxico do Castiñeiro, Medio Rural desenvolve accións específicas neste eido, especialmente fronte o cancro do castiñeiro. O programa combina o diagnóstico fitosanitario co tratamento experimental mediante cepas hipovirulentas, capaces de deter o avance da enfermidade e favorecer a cicatrización natural das árbores. Tamén se veñen facendo labores de seguimento e control da avespiña do castiñeiro.