Galicia reforza a cooperación con China para impulsar novas oportunidades empresariais

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun encontro institucional co Goberno de Chongqing e con CITIC Group para explorar vías de colaboración económica e tecnolóxica

A misión institucional reforza o posicionamento da Comunidade como un territorio atractivo para o investimento e para establecer novas oportunidades de colaboración con China

Galicia conta na cidade, unha das máis grandes do país, cun espazo propio para captar e impulsar relacións comerciais

Chongqing (China), 18 de novembro de 2025

Galicia deu hoxe un paso máis no fortalecemento das súas relacións económicas con China no marco do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada organizado na cidade de Chongqing. A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou o interese mutuo por abrir novas vías de cooperación en sectores de alto valor engadido e por impulsar iniciativas que xeren oportunidades de negocio tanto en Galicia como en China.

Esta iniciativa de intercambio económico e comercial, organizada polo Grupo CITIC e polo Goberno Municipal de Chongqing, reúne durante varios días a autoridades locais, directivos de empresas e representantes empresariais internacionais. O programa de traballo inclúe conferencias, encontros de negocio e conta cun espazo específico dedicado a Galicia, cunha zona de exposición e sesións de matchmaking para impulsar novas colaboracións empresariais.

Na súa intervención, a directora puxo en valor a fortaleza do tecido produtivo galego, sustentado en sectores estratéxicos que combinan tradición e innovación: “Galicia destaca polo seu sector agroalimentario, pola automoción —cun ecosistema industrial e tecnolóxico de referencia en Europa—, e pola moda e o téxtil, cunha forte proxección internacional”. Tamén salientou o peso da industria naval, o crecemento do sector TIC, a capacidade internacional da industria contract, así como o avance da biotecnoloxía e do aeroespazo. Ademais, lembrou que o turismo continúa a ser un dos grandes motores económicos de Galicia, cunha oferta cada vez máis orientada á calidade e á sustentabilidade.

A directora destacou tamén o valor da presenza empresarial galega nesta misión, que integra compañías e entidades representativas dos principais sectores. Grazas a este enfoque colaborativo, Galicia ofrece unha imaxe coordinada e sólida no exterior, fortalecendo a súa capacidade para atraer investimento, abrir novos mercados e promover alianzas estratéxicas. Segundo sinalou, este tipo de encontros contribúe a situar Galicia no mapa internacional como un territorio innovador, competitivo e cunha clara vocación de cooperación económica e tecnolóxica.

Durante o encontro, Galicia expuxo tamén as súas vantaxes como destino de investimento: estabilidade institucional, infraestrutura loxística avanzada, conectividade internacional, máis de 100 polígonos industriais e parques tecnolóxicos, así como unha rede de centros tecnolóxicos e universidades punteiras en ámbitos como a automoción, a biotecnoloxía, a dixitalización ou a intelixencia artificial.

Gran centro económico e potencia industrial

A directora subliñou que “Galicia quere actuar como socio estratéxico para o desenvolvemento de proxectos conxuntos, reforzando a colaboración entre empresas galegas e chinesas e promovendo un marco de cooperación baseado na innovación, no investimento e no crecemento sustentable”.

Chongqing, unha das cidades máis grandes de China, é unha potencia industrial e un dos centros económicos máis importantes de Asia. A urbe lidera sectores como os vehículos de nova enerxía e a electrónica avanzada, chegando a representar case a metade da produción mundial de ordenadores portátiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025