Lara Meneses destaca “a oportunidade única de achegarse ao talento mozo” na exposición dos finalistas do Xuventude Crea

Os traballos finalistas das especialidades de moda e deseño de xoias poderán visitarse ata o 2 de decembro na igrexa da Universidade de Santiago

A directora xeral de Xuventude fai fincapé na “alta calidade das iniciativas”, que califica como “unha mostra máis do selo Galicia Calidade”

As propostas ‘La forma del miedo’, de Nahir Álvarez; ‘Liturxias: superficial e ficticia’, de Lucía Beltrán, e ‘Ruliña’, de Sara Cancela son as premiadas na categoría de moda

Os galardoados en deseño de xoias son os proxectos ‘Parque de bólas’, de Carlota Cao; ‘Isomorfías’, de Sandra Marcuño e ‘Tradición e Vangarda’, de Rebeca García

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, remarcou hoxe “a oportunidade única de achegarse ao talento mozo galego” que ofrece a exposición inaugurada hoxe na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela coas obras finalistas nas categorías de Moda e Deseño de Xoias de Xuventude Crea 2025.

Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na alta calidade dos proxectos participantes, “que demostran, unha vez máis, o bo facer dos creadores máis novos en todas as disciplinas”. “Unha mostra do selo Galicia Calidade que se reflicte tamén nas capacidades artísticas da nosa mocidade”, apuntou a directora xeral de Xuventude.

Na final de hoxe, na categoría de moda recoñécese o proxecto La forma del miedo, de Nahir Álvarez, da Guarda. Trátase dunha colección inspirada nas películas de terror dos anos 20 con recursos como formas afiladas, deformación das prendas, manipulación manual dos tecidos e repetición obsesiva de elementos, para xerar un aire propio de distorsión, ansiedade visual e decadencia.

Outro dos galardoados foi Liturxias: superficial e ficticia, de Lucía Beltrán, de Pontevedra, no que se explora o ascenso e a caída de mulleres da clase alta americana que pasan do privilexio dos anos 30 á ruína nos 50. Pola súa banda, Sara Cancela, de Rois, resultou gañadora coa iniciativa Ruliña, que inclúe pezas inspiradas en momentos máxicos e imaxinais, un reflexo da infancia.

Na especialidade de deseño de xoias, o proxecto Parque de bólas, de Carlota Cao, de Ourense, foi a primeira gañadora, cunha colección que transforma un símbolo da infancia en ornamento , reinterpretando e trasladando ao corpo tres elementos icónicos do parque infantil: tobogáns, xanelas burbulla e bólas.

Seguidamente, recoñeceuse a proposta Isomorfías, de Sandra Marcuño, de Rianxo, unha serie conceptual e minimalista que nace da observación da natureza. Pola súa banda, Rebeca García, de Pobra do Caramiñal, resultou gañadora coa iniciativa Tradición e vangarda, inspirada nos oficios artesanais e ancestrais, representativos da cultura galega, concretamente na cestería de castaño.

As obras finalistas destas dúas especialidades poden visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 2 de decembro, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 20,30 horas con entrada de balde. A creación de xoias e a moda son dúas das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas.  Ademais, cómpre lembrar que o vindeiro 19 de decembro celebrarase na Cidade da Cultura a décimo sexta edición da gala Xuventude Crea, unha iniciativa pola que pasaron máis de 6.000 mozos e mozas desde o seu inicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025