O presidente galego visitou hoxe as novas instalacións en Cambados
Rueda pon a renovación da lonxa de Tragove como exemplo do compromiso da Xunta co sector marítimo-pesqueiro
Destaca o investimento de 1,4 M€ para converter estas instalacións nun espazo máis funcional, seguro e adaptado ás necesidades dos traballadores e clientes
Asegura que o obxectivo é facilitar o crecemento da lonxa e consolidar o seu liderado coma a que máis volandeira fresca vende de toda Galicia
Esta lonxa pontevedresa está a bater récords históricos con máis de 7.000 quilos diarios de volandeiras descargadas durante a primeira semana da tempada
Salienta ao sector do mar coma un dos mellores embaixadores do que significa Galicia Calidade polo mundo
Cambados (Pontevedra), 18 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a renovación e ampliación da lonxa de Tragove, no concello de Cambados, como exemplo do compromiso do Executivo autonómico co sector marítimo-pesqueiro, un dos motores da economía galega e “unha mostra perfecta desa Galicia Calidade“.
Durante unha visita ás novas instalacións, o presidente salientou o investimento de 1,4 millóns de euros feito pola Xunta para reformar esta lonxa e convertela nun espazo máis funcional, seguro e adaptado ás necesidades de traballadores e clientes. “A xente do mar, que está a recoller o mellor produto do mundo, necesita as mellores instalacións para que este se poida conservar, comerciar e poñer en valor do mellor xeito posible e iso é o que estamos facendo aquí en Cambados”, apuntou.
En concreto, as obras permitiron renovar a sala de poxas, habilitar novos espazos de almacén, oficinas, vestiarios e aseos así coma instalar unha nova cuberta e construír un soportal para a carga e descarga e unha área de 300 metros cadrados para o tratamento, limpeza e preparación do peixe. “Nestas instalacións hai moita economía, moitas persoas que viven do e para o mar e o noso deber é axudalas”, reiterou.
Tal e como explicou o presidente, o obxectivo destas actuacións é facilitar o crecemento desta lonxa -na que se descargan cada ano máis de 600.000 quilos de peixe cun valor de venda de 6,3 millóns de euros- e consolidar o seu liderado na descarga de volandeiras. Trátase da lonxa galega que máis vendas de volandeira fresca realiza -concentra o 75% do total na comunidade- e esta tempada de Nadal que está a comezar está a bater récords históricos con máis de 7.000 quilos diarios descargados durante a primeira semana.
A Xunta tamén está a levar a diante o seu compromiso co sector pesqueiro con outras actuacións coma a posta en marcha da plataforma Lonxas galegas 4.0, da que forma parte a rula de Cambados, que permite modernizar a venda de produtos do mar nas puxas ou o Bono Peixe para incentivar o consumo e que mobilizou case 11 millóns de euros en vendas durante a súa primeira edición.