A Xunta felicita o Colexio de Panxón polo seu medio século formando a mocidade de Nigrán

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa no 50 aniversario do centro, organizado como Colexio Arquitecto Palacios e CEE de Panxón

Nigrán (Pontevedra), 19 de novembro de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na celebración do 50 aniversario do colexio de Panxón (Nigrán), hoxe organizado en dous centros: o Centro Público Integrado Plurilingüe Arquitecto Palacios e o Centro de Educación Especial de Panxón. Nos actos conmemorativos participaron tamén, ademais das autoridades, os directores e ex directores de ambos centros, así como da residencia anexa.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou “o papel imprescindible deste colexio ao longo do último medio século na formación dos nenos e mozos de Nigrán e mesmo de fóra deste concello”. Non en balde, despois de ser orfanato, o centro destinouse a ser un colexio centrado na atención aos fillos de familias mariñeiras galegas ata a súa división nos dous centros actuais. A día de hoxe o CPI Arquitecto Palacios oferta toda a Educación Primaria e a Secundaria Obrigatoria, mentres que o CEE de Panxón oferta Educación Especial e FP.

“Contades co apoio da Xunta para seguir ofrecendo un ensino de calidade e agardamos poder celebrar convosco, polo menos, outros tantos anos de historia”, destacou a directora xeral. “Moitos parabéns polo voso labor e, sobre todo, pola fermosa comunidade educativa que construístes entre os dous centros, chea de éxitos e recordos compartidos”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025