O presidente da Xunta participa na clausura do XI Encontro para Directivos/as Líderes ‘100 Consellos Santander’
Rueda defende a estabilidade e a responsabilidade fiscal como claves para facilitar o crecemento do tecido produtivo de Galicia
“Ter orzamentos é fundamental. Non telos é camiñar cara ao desastre”, resalta
Destaca dez piares de acción do Executivo autonómico baseados na atracción e retención de empresas e o seu papel como Administración facilitadora
Salienta o papel das compañías de base familiar e o seu compromiso co territorio
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a estabilidade política, a responsabilidade fiscal e as medidas do Executivo autonómico para impulsar proxectos estratéxicos en Galicia como claves para facilitar o crecemento do tecido produtivo galego.
Así o expuxo durante a súa intervención no XI Encontro para Directivos/as Líderes 100 Consellos Santander, que se celebrou hoxe no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela. O titular do goberno galego foi o encargado de clausurar o acto, onde destacou que a comunidade contará o vindeiro ano cos orzamentos máis altos da historia da comunidade, que ascenden a 14.240 millóns de euros. “Ter orzamentos é fundamental. É importante saber con que recursos imos xogar. Non telos é camiñar cara ao desastre”, indicou.
Neste sentido, subliñou que estas contas se sustentan no rigor e a prudencia que permiten a Galicia manter a súa débeda pública nun dos niveis máis baixos entre as comunidades autónomas, garantindo a súa sostibilidade e o equilibrio orzamentario sen necesidade de recorrer ao endebedamento.
Rueda sinalou que, para fortalecer o tecido económico, a Xunta destina máis de 450 millóns de euros á dinamización da actividade, cun Igape que incrementará a súa partida ata os 280,7 millóns de euros para mellorar a competitividade e a presenza en mercados internacionais, así como seguir potenciando a atracción e retención de empresas.
Neste eido, destacou a necesidade de seguir sendo “unha Administración facilitadora e non poñer obstáculos ás empresas”, algo referendado con novidades como a flexibilización dos préstamos de concentración de empresas co obxectivo de apoiar as adquisicións e garantir a continuidade de proxectos empresariais por falta de relevo xeracional.
Na súa intervención, Rueda resaltou o peso que teñen as empresas familiares en Galicia. “Que non se perda esa base familiar que che fai enraizarche e comprometerte co sitio no que empezaches”, indicou.
Aposta polos coidados
O presidente da Xunta indicou que os orzamentos de 2026 inclúen medidas para apoiar ao tecido produtivo para contribuír a que Galicia siga medrando, algo compatible con “ofrecer servizos públicos de calidade”. De feito, 3 de cada 4 euros dos orzamentos se destinarán a sanidade, educación e servizos sociais, cun gasto social que acada a cifra récord de 10.587 millóns de euros o vindeiro ano.