A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou co alcalde, Manuel Ángel Fernández, o convenio para o financiamento da actuación
A Xunta colabora co concello de Baños de Molgas na rehabilitación da antiga Escola municipal de Alvite para destinala a centro social
O Goberno galego financia esta intervención cun préstamo por 86.390,43€ do Fondo de Cooperación, a través desta liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
Este préstamo, sen xuros e a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€
Con esta medida, a Xunta presta apoio aos municipios con menos poboación para levar a cabo a conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
A Xunta colabora co Concello de Baños de Molgas na rehabilitación da antiga escola municipal de Alvite para destinala a centro social.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo, asinou esta tarde co alcalde, Manuel Ángel Fernández, o convenio de colaboración para o financiamento da citada actuación.
Trátase da concesión dun préstamo, sen xuros e por un importe total de 86.390,43€ do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
En concreto, a través deste préstamo, o Concello de Baños de Molgas poderá executar as actuacións necesarias para o acondicionamento deste edificio que posteriormente funcionará como centro social nesta contorna.
O obxectivo é recuperar un edificio tradicional de titularidade municipal, hoxe abandonado, para darlle un uso comunitario, social e cultural.
A intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.
Este préstamo, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€.