A Xunta salienta a importancia dos medios de comunicación na prevención e sensibilización da cidadanía fronte á violencia de xénero

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero avanzou que o Executivo galego traballa na Lei de violencia dixital na que os medios terán un papel imprescindible

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, inaugurou o congreso Os medios de comunicación e a ciberviolencia machista que organiza a Asociación de Periodistas de Galicia. Durante a súa intervención, destacou a importancia que teñen todos os medios na prevención e sensibilización da cidadanía fronte ás violencias machistas.

Este congreso ten como obxectivo analizar e debater o papel dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero, especialmente desde o punto de vista dixital. Deste xeito, Roberto Barba explicou que son canles fundamentais para chegar á poboación e trasladar mensaxes que permitan romper os estereotipos de xénero e afondar na importancia de consolidar unha igualdade real entre mulleres e homes.

Nesta liña, o director xeral tamén lembrou que o Executivo galego está traballando na elaboración da primeira lei nacional de violencia dixital, unha norma que busca sentar o marco legal ante os delitos que se comenten no ecosistema dixital e para o que será imprescindible o papel dos medios de comunicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2025