A conselleira de Política Social e Igualdade participou no acto organizado hoxe pola Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia
Fabiola García pon en valor o traballo conxunto da Xunta e as entidades sociais para garantir a defensa dos dereitos da infancia
A conselleira destaca no Día Mundial da Infancia a importancia de darlle voz aos nenos e nenas e escoitar as súas necesidades
No evento, presentouse o novo libro dos Bolechas sobre os dereitos dos nenos e nenas, realizado en colaboración entre a Xunta e a POIG e que será distribuído ás entidades da infancia e aos centros educativos
Pontevedra, 20 de novembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, estivo esta mañá acompañando aos cativos que participaron no acto de conmemoración do Día Mundial da Infancia, organizado pola Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG). Na súa intervención, puxo en valor o traballo conxunto que están desenvolvendo a Xunta e as entidades sociais para garantir a defensa dos dereitos dos nenos e nenas.
Fabiola García fixo fincapé na importancia de que os cativos coñezan os seus dereitos para poder exercelos, porque son a base do seu benestar e protección. Por iso, animou as familias, ao profesorado e a calquera institución a achegar información sobre estes principios aos nenos e nenas no seu día a día porque “son o superpoder que axuda a coidar e tratar ben aos demais” e destes dereitos deben falar na casa, na escola e alí onde vaian para poñelos en práctica.
Deste xeito, explicoulles aos nenos e nenas que todos son iguais, sen importar de onde veñan ou onde vivan, e sempre terán ao seu carón á Administración galega porque a Galicia Calidade é a que se constrúe a través da infancia, dos seus dereitos e polo seu futuro. Polo que, lembrou a importancia de darlles voz e escoitar as súas necesidades.
Neste acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, presentouse un novo libro dos Bolechas, que explica aos rapaces e rapazas os dereitos que teñen e como deben estar garantidos. Esta publicación, realizada en colaboración entre a Xunta de Galicia e a POIG, será distribuída ás entidades que traballan coa infancia e aos centros educativos.
Baixo o lema ‘Son, es, somos e temos dereitos’, centos de nenos e nenas de entre 8 e 12 anos de 5 centros educativos galegos, do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) e da asociación BATA expuxeron as súas propostas.