Arias destaca o apoio da Xunta á promoción dos produtos pesqueiros galegos e á marca Pescaderías
Lugo, 20 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe que a Xunta traballa para “promocionar os produtos pesqueiros de alta calidade, apoiar a pesca artesanal, reforzar o selo de calidade PescadeRías e dinamizar a actividade económica, turística e comercial das vilas costeiras”.
Arias realizou estas declaracións durante a presentación en Lugo das XXIII Xornadas de Exaltación da Centola do Grove, que patrocina a Consellería do Mar coa colaboración de Turismo de Galicia. Igualmente, subliñou o valor das festas gastronómicas para “desestacionalizar o turismo, dinamizar a restauración e o comercio, e posicionar os produtos galegos no mercado”.
O delegado agradeceu á asociación de empresarios do Grove e ás Confrarías implicadas que viñeran a presentar as xornadas ao Círculo das Artes de Lugo, “a un edificio que é un símbolo identitario e a unha cidade que leva por bandeira a súa excelente gastronomía, convertida mesmo en eslogan turístico”.
Arias desexoulles que esta nova edición, que se celebrará entre o 27 de novembro e o 8 de decembro, “sexa todo un éxito e apuntale o obxectivo de acadar a distinción como Festa de Interese Turístico Galego”.