Villaverde reivindica o liderado galego na innovación, a dixitalización e a trazabilidade da cadea mar-industria
A conselleira do Mar participou en Vigo na inauguración do XIV Congreso Internacional Conxemar-FAO-MAPA, que reúne a expertos e representantes institucionais e empresariais de ámbito internacional
Salientou iniciativas como Lonxas Galegas 4.0, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca e Trazamar como exemplos da aposta de Galicia pola transformación dixital e a garantía da orixe dos produtos do mar
Reclamou condicións de competencia equilibradas no mercado europeo, con cláusulas espello e os mesmos estándares sanitarios, ambientais e de control para os produtos importados
Vigo, 5 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, incidiu hoxe en que a dixitalización, a innovación tecnolóxica, a trazabilidade e a sustentabilidade constitúen piares fundamentais para garantir a competitividade futura da cadea mar-industria galega. Foi durante a inauguración do XIV Congreso Internacional Conxemar-FAO, que se celebra na sede de Afundación en Vigo, baixo o lema Smart Blue Leadership: eficiencia, intelixencia e estándares globais para unha industria comprometida e reúne a especialistas de organismos internacionais, institucións públicas, comunidade científica e sector empresarial.
Na súa intervención, Villaverde salientou o papel da nosa comunidade como territorio de referencia na transformación tecnolóxica e sostible do sector. Neste sentido, asegurou que “Galicia non se detén a observar como se acerca o futuro tecnolóxico. Galicia está a construílo de xeito activo”, e puxo como exemplo a transformación das rulas a través de Lonxas Galegas 4.0, que permite a compra remota, o acceso a datos en tempo real optimizando o control e a información sobre o produto que chega aos mercados.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, destacou tamén os avances en materia de información e control con selos como pescadeRías, de onde se non?, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca e a aplicación Trazamar, así como o labor da Axencia Intecmar no control e observación da calidade do medio mariño. Estas ferramentas, explicou, permiten reforzar a confianza dos consumidores e responder a unha demanda crecente de información sobre a orixe, a calidade, a seguridade alimentaria e a sustentabilidade dos produtos.
Villaverde incidiu igualmente na necesidade de que a innovación e a apertura comercial vaian acompañadas dun marco internacional que garanta unha competencia xusta. Así, lembrou a posición da Xunta a favor da incorporación de cláusulas espello nos acordos comerciais e de controis estritos que aseguren que os produtos procedentes de terceiros países cumpran esixencias equivalentes ás aplicadas aos produtores comunitarios.
“Entendemos que é esencial avanzar cara un comercio xusto e sostible, e tamén cara a unha competencia leal y equilibrada, baseada nas mesmas regras, garantías e controles para todos os produtos que compiten nun mercado como o europeo”, afirmou.
A conselleira valorou ademais que o programa desta edición sitúe no centro do debate cuestións como a intelixencia artificial, a rastrexabilidade dixital, as novas tendencias de consumo, a competitividade internacional e as oportunidades vinculadas á economía azul. O congreso conta con expertos da FAO, o Banco Mundial, a Iniciativa para a Transparencia Pesqueira e o Global Dialogue on Seafood Traceability, entre outras organizacións.
Villaverde pechou a súa intervención felicitando aos organizadores por converter Vigo e Galicia nun punto de encontro internacional para debater sobre o futuro dos produtos do mar. “En Galicia queremos seguir construíndo, entre todos, un futuro máis próspero e sostible para este sector tan estratéxico”, concluíu.