A Xunta executa novas obras de mellora no CEIP As Mercedes cun investimento de 90.500 euros
O delegado territorial, Javier Arias, explica que as actuación céntranse na ala esquerda e inclúen traballos de renovación da pintura, instalación de falsos teitos e cambio de iluminación en aulas, despachos e outras zonas
Lugo, 20 de novembro de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a acometer novas obras de mantemento e mellora no CEIP As Mercedes, en Lugo, ás que destina 90.500 euros.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o centro para comprobar os avances nestes traballos, que se suman ao cambio da cuberta e o reforzo da estrutura realizados nas vacacións estivais, cun investimento de 500.000 euros.
Arias explicou que as obras céntranse na ala esquerda do edificio, onde se actuou con urxencia para reparar os danos ocasionados pola inundación ocorrida durante a execución das obras do pasado verán, debida á rotura dun tubo da calefacción do segundo andar; así como para solucionar problemas de filtracións previas ao cambio da cuberta.
Nas zonas afectadas, actuouse nas tres plantas para renovar a pintura e reparar parte da instalación eléctrica. Así mesmo, instaláronse falsos teitos e nova iluminación en todas as aulas da ala esquerda – a de Audición e Linguaxe e varias de Primaria -; así como nos despachos de orientación e dirección, na sala de profesores e na entrada.
Neste momento estase a traballar na reposición do chan do despacho de dirección e a sala de profesores, co que quedará completada esta parte das actuacións.
Arias destacou que a Xunta axilizou os trámites para acometer con urxencia estas intervencións e avanzou que se seguirán realizando obras similares na outra ala do colexio. Os técnicos da Consellería están a traballar xa na planificación dos traballos.