Máis do 60% dos galegos e galegas dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas

O 92,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan internet e os maiores de 65 anos superan, por primeira vez, a porcentaxe do 81%

O 63,2% de galegos e galegas concertou citas por internet cun servizo médico, superando en máis dun punto a media estatal (61,9%)

Aumenta un 60,7% as persoas de 65 a 74 anos que compran por internet, e un 37,3%  na franxa de idade dos 55 aos 64 anos

O 96,5% das vivendas ten internet contratado, situándose por primeira vez a menos dun punto da media estatal

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

O 61,4% dos galegos e galegas dispón de competencias básicas ou avanzadas e o 37,7% conta con competencias dixitais avanzadas, a menos de dous puntos da media estatal, situándose no oitavo lugar entre as comunidades autónomas.

Son datos publicados hoxe polo INE sobre os Fogares e as TIC, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que sinalan, tamén, que o 92,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan internet e o 56,7% comprou online nos últimos tres meses, un 5,8% máis que o ano anterior e a menos de 3 puntos da media estatal (59,6%).

Ademais, aumenta un 60,7% as persoas de 65 a 74 anos que compran por internet, e un 37,3%  na franxa de idade dos 55 aos 64 anos, moi por riba da media do Estado, que non acada o 7% en ningún dos dous casos.

Respecto á conexión a internet, o 96,5% das vivendas teñen contratado este servizo, situándose por primeira vez a menos dun punto da media estatal (97,4%).

Uso das TIC

Crece por riba da media estatal o uso de internet entre as persoas de máis idade, nun 16,1% entre os maiores de 64 anos, que só aumentan o 3,5% no total do Estado. Ademais, a enquisa do INE sinala que xa accede a internet máis do 92% das persoas maiores de 54 anos e o 81,3% dos maiores de 64.

O 54% de galegos e galegas utilizaron algún tipo de identificación electrónica para acceder a servizos online, concretamente o 49,9% para acceder a servizos públicos, e o 19,7% utilizou identificación electrónica para acceder a servizos privados.

O 12,8% da poboación galega ocupada teletraballou no último ano, o que supón un crecemento máis de dous puntos respecto a 2024 e sitúa a Galicia na sexta posición no ranking do Estado.

Equipamento no fogar e uso de internet

O 80,5% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, o que constata o crecemento da Comunidade, que pasou de estar a preto de 10 puntos da media estatal en 2020 a estar a só 3,3 puntos. No 54,5% dos fogares hai tablets, unha cifra similar á media estatal (56,5%).

O 96,5% dos fogares galegos contan con conexión a internet, subindo de novo máis que o Estado no último ano, o que sitúa á Comunidade, por primeira vez, a menos dun punto porcentual da media estatal (97,4%). Tanto nos concellos grandes como nos pequenos supérase o 94,5% de fogares con conexión á rede.

Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet

O 78,4% da poboación de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das Administracións Públicas, e o 39,2% descargou formularios.

Respecto do uso de servizos relacionados coa administración, no último ano o 63,2% de galegos e galegas concertou citas por internet cun servizo médico, superando en máis dun punto a media estatal (61,9%), e o 44,5% accedeu a información sobre servizos ou impostos a través de internet, que se aproxima a menos de 2 puntos da media estatal (46,4%).

Data de actualización: 20/11/2025