Román Rodríguez avanza que a Xunta estudará a posibilidade de incrementar a oferta de FP en Mos nos vindeiros cursos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o instituto da localidade, que na actualidade imparte o ciclo básico en Servizos comerciais
Mos (Pontevedra), 20 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto de Mos, onde avanzou que a Xunta está a estudar a posibilidade de incrementar a oferta de FP neste concello pontevedrés. Na actualidade este centro oferta o ciclo de grao básico en Servizos comerciais, con 18 prazas. A maiores, a Consellería está analizando a posibilidade de facer unha pista cuberta no instituto.
Tal e como explicou o conselleiro, a ampliación da oferta de FP faríase de xeito progresivo nos próximos anos académicos. Para iso é necesario facer previamente unha prospección das necesidades dos sectores produtivos da zona, para determinar que ciclos son máis necesarios para as empresas e, polo tanto, terían unha maior empregabilidade.
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que a área de Vigo é a que conta con máis prazas de FP e con máis matriculados nestas ensinanzas de toda Galicia. En concreto, este curso ofertáronse nesta zona un total de 11.040 prazas en primeiro curso e os centros da área rexistraron 18.686 matriculacións, un 3% máis ca no ano anterior.