O conselleiro de Sanidade interveu no acto de presentación do II Curso de cirurxía de xeonllo e ombreiro en lesións de fútbol, que tivo lugar na sede da Real Federación Galega de Fútbol, organizado pola Mutualidade de Futbolistas de Galicia

Gómez Caamaño pon en valor a actividade e a calidade dos servizos de traumatoloxía do Sergas, que en 2024 realizaron máis de 30.200 intervencións cirúrxicas

Agradece ao presidente da Real Federación Galega de Fútbol a insignia de prata concedida á Consellería, que supón un recoñecemento colectivo ao traballo de miles de persoas e reflicte que a sanidade pública galega é sinónimo de Galicia Calidade

Sinala que a Real Federación Galega de Fútbol, como entidade comprometida co deporte seguro e co impulso de hábitos de vida saudables, é un referente na unión de fútbol e saúde

Sinala que traumatoloxía é o segundo servizo con máis actividade cirúrxica do Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo esta tarde en valor a actividade e a calidade dos servizos de traumatoloxía do Servizo Galego de Saúde, que no pasado ano realizaron máis de 30.200 intervencións cirúrxicas e, só no primeiro semestre deste ano, fixeron máis de 16.000.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, interveu no acto de presentación do II Curso de cirurxía de xeonllo e ombreiro en lesións de fútbol, que tivo lugar na sede da Real Federación Galega de Fútbol, organizado pola Mutualidade de Futbolistas de Galicia, onde referiu que traumatoloxía é o segundo servizo con máis actividade cirúrxica do Servizo Galego de Saúde.

Durante o acto, Gómez Caamaño recolleu a insignia de prata da Federación concedida á Consellería de Sanidade co propósito de recoñecer un sistema sanitario que conta cun capital humano extraordinario, que traballa cada día para ofrecer á cidadanía a mellor atención e que é sinónimo da marca Galicia calidade, como detallou o conselleiro.

Incidiu en que esta insignia é un recoñecemento colectivo ao traballo de miles de profesionais que contribúen a coidar da saúde de todos os galegos.

O máximo responsable do Sergas agradeceu ao presidente da Real Federación Galega de Fútbol a distinción e lembrou que a sanidade pública é un dos bens máis prezados cos que conta a cidadanía, un sistema que funciona, o que fai que a xente confíe nel.

Estreita colaboración

Gómez Caamaño sinalou que a confianza no sistema sanitario constrúese, non só desde a Administración pública e os profesionais, senón tamén grazas ao apoio e á colaboración de todos aqueles axentes que entenden a saúde como unha responsabilidade compartida.

Neste sentido incidiu en que a Real Federación Galega de Fútbol, como entidade comprometida co deporte seguro e co impulso de hábitos de vida saudables, se converteu nun referente que une fútbol e saúde.

Lembrou que desde hai anos en Galicia existe unha estreita colaboración entre o servizo de saúde público e o tecido deportivo, especialmente o fútbol federado.

Este modelo de cooperación permite, segundo explicou, unha atención máis coordinada, máis rápida e mellor adaptada ás necesidades dun deporte no que se producen moitas lesións que exixen seguir a reforzar a capacidade de resposta para atender este tipo de traumatismos.

Intervencións máis precisas e recuperacións máis rápidas

O titular da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor a aposta do Executivo autonómico por mellorar cada día a atención sanitaria, incluíndo tecnoloxía de vangarda como a cirurxía robótica, que permite realizar intervencións máis precisas e recuperacións máis rápidas, o que resulta fundamental cando se trata de futbolistas.

Gómez Caamaño rematou a súa intervención remarcando que o ámbito sanitario e o deportivo son dous axentes claves para o benestar, e avogou por seguir fortalecendo esta alianza, que está a dar bos resultados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2025