O delegado territorial da Xunta en Ourense felicita ás alumnas do colexio Santo Ángel polo seu proxecto medioambiental presentado na sede da ONU

Realizaron o traballo de investigación ‘Quitina’ para dar resposta a un problema ambiental pouco visibilizado pero moi grave, a presenza masiva de palillos plásticos usados nas bateas galegas para o cultivo do mexillón

Ourense, 21 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu esta mañá na Delegación Territorial, ás catro alumnas de 4º da ESO do colexio Santo Ángel de Ourense: Alba, Jimena, Ainhoa e Ángela, ás que felicitou polo desenvolvemento do proxecto educativo, científico e medioambiental ‘Quitina’ que presentaron na sede da Organización das Nacións Unidas, no acto Youth as Agents of Change e que recolleu os merecementos de centros académicos e universidades punteiras como Harvard e MIT, onde puideron compartir e coñecer proxectos de investigación, laboratorios e experiencias de emprendemento social.

‘Quitina’ é un traballo que naceu para dar resposta a un problema ambiental pouco visibilizado pero moi grave, a presenza masiva de palillos plásticos usados nas bateas galegas para o cultivo do mexillón, que rematan no mar e nas praias, xerando un impacto negativo no ecosistema mariño.

Despois de realizar unha campaña de recollida de palillos plásticos en toda Galicia, na que se contabilizaron máis de 15.300 en varios areais galegos, propuxeron como unha alternativa sostible a elaboración de palillos biodegradables mediante materiais naturais e de refugallo mariño, concretamente algas, cunchas de mexillón, ostra, vieira e algas, dando forma a un biocomposite funcional, ecolóxico e propio do territorio. A proposta enmárcase nun modelo de economía circular, onde o mar deixa de ser fonte de residuos para converterse en solución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025