O director de Augas de Galicia presidiu esta mañá a reunión da Oficina Técnica da Seca
A Xunta desactiva a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas de Costa de Pontevedra e dos ríos Verdugo, Lérez, Grande e Anllóns
Acórdase tamén desactivar as medidas equivalentes a un escenario de alerta no subsistema de Baiona
As chuvias dos últimos 12 días de outubro e da primeira quincena de novembro produciron un incremento importante dos caudais circulantes e as previsións indican que continúe esa liña de ascenso nas vindeiras semanas
A ocupación media dos encoros de abastecemento en Galicia Costa é do 71,72 %, un punto por enriba do rexistrado o pasado ano
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
A Xunta decidiu hoxe desactivar a declaración da prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; no da Costa de Pontevedra; do río Lérez, en Pontevedra; do río Grande, en Camariñas, e do río Anllóns, ata Arteixo.
A maiores, no caso do subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial do Verdugo e do que se abastece a poboación deste municipio pontevedrés, tamén se acordou desactivar as medidas equivalentes a un escenario de alerta nesta zona, que foran adoptadas o pasado 7 de outubro despois de que desde comezos de agosto presentara indicadores propios dunha situación de prealerta.
Estas foron as principais decisións adoptadas pola Oficina Técnica da Seca, que se reuniu hoxe baixo a presidencia do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente e doutros cargos directivos do organismo hidráulico, así como de representantes de MeteoGalicia, de Protección Civil e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Para tomar esta decisión, tivéronse en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo fixado no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Así, as chuvias dos últimos 12 días de outubro e da primeira quincena de novembro produciron un incremento importante dos caudais circulantes provocando que todos estes sistemas presenten indicadores de escaseza por enriba do límite de 0,30.
Ademais, as previsións de Meteogalicia para novembro sinalan que as borrascas seguirán circulando pola Comunidade deixando episodios de chuvias persistentes e de intensidade moderada que acumularán cantidades importantes de precipitación, un prognóstico que avala a desactivación das declaracións da prealerta por escaseza nos sistemas nos que estaba vixente.
En canto ao conxunto da demarcación, a situación é de normalidade. En concreto, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa está no 71,72%, un 1,19% por enriba do rexistrado o pasado ano e un 4,10% superior á ocupación media nos últimos 10 anos.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza ou seca, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.