Portos de Galicia executou neste ano melloras por importe de máis de 100.000 € no peirao de Meloxo no Grove
O ente público retirou ademais unha decena de embarcacións abandonadas e a día de hoxe só resta unha que ten xa orde de desaloxo
A remodelación da dársena do Grove atópase en fase de redacción de proxecto cun orzamento previsto de 3 millóns de euros
O Grove (Pontevedra), 21 de novembro de 2025
Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar, ten executado ao longo deste ano melloras por importe de máis de 100.000 euros no porto de Meloxo, no municipio pontevedrés do Grove. Estas actuacións responden ás tarefas de conservación e mantemento desta infraestrutura que Portos de Galicia realiza de xeito permanente nos peiraos da súa titularidade.
Entre estas actuacións destacan a reposición de aglomerado en diferentes viarios do porto cun importe de 47.000 euros, a sinalización horizontal e vertical en toda a zona portuaria como reforzo á seguridade de condutores e peóns, cuns 5.000 euros, e a renovación da iluminación exterior do porto con dotación de leds de control telemático, cun orzamento de 40.000 euros. Tamén se instalaron argolas e outros elementos menores, por importe de 17.000 euros.
Dentro das actuacións de mantemento e conservación da dársena de Meloxo, Portos de Galicia levou a cabo tamén este ano varias campañas de limpeza en ramplas que incluíron a retirada de máis dunha decena de embarcacións. Deste xeito, a día de hoxe só unha embarcación declarada en situación de abandono segue neste peirao e ten xa orde de desaloxo.
Orzamentos 2026
Ademais destas actuacións xa executadas, nos orzamentos de Portos de Galicia para 2026 recóllese unha partida plurianual de 3 millóns de euros para a remodelación do porto do Grove, que se atopa, a día de hoxe, en fase de redacción de proxecto. Así mesmo, contémplase tamén un investimento plurianual de 3,6 millóns para a mellora de porto Meloxo.