A Xunta pon en valor os cascos históricos como motores clave de dinamización turística e comercial nas vilas e cidades galegas

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantiveron un encontro co presidente da Confederación Española de Cascos Históricos (Cocahi), José Manuel Bello, e outros representantes da entidade co obxectivo de coñecer de primeira man a súa actividade, analizar posibles vías de colaboración e compartir estratexias que permitan revitalizar os cascos históricos e consolidalos como motores de dinamización económica e social.

O conselleiro louvou o labor que desenvolve Cocahi e subliñou a importancia de poñer en valor estes espazos senlleiros. Así mesmo, salientou que, no marco do vixente Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, se contemplan accións dirixidas a fomentar o turismo comercial mediante experiencias que conecten o comercio local co patrimonio natural, cultural ou histórico de Galicia. Neste sentido destacou a posta en marcha de proxectos estratéxicos como Vilas Vivas, que botará a andar en Ribadavia esta ponte de decembro. Trátase dunha iniciativa con vocación de continuidade noutras vilas galegas que, ao igual que Ribadavia, conten cun casco urbano histórico ou singular, cunha elevada concentración de comercios pechados, potencial turístico e unha produción local característica como motor económico. O obxectivo é desenvolver un proxecto de revitalización comercial mediante o alugueiro de baixos en desuso, a súa rehabilitación e a posterior posta á disposición de comerciantes e artesáns en formato efémero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2025