Sae a licitación a obra de mellora do acceso a Setados, nas Neves, na que a Xunta investirá 500.000 euros

O delegado territorial visitou o lugar e destacou o compromiso da Xunta coa seguridade viaria

Os traballos permitirán mellorar a calzada e crear un carril central que facilite os xiros

As Neves (Pontevedra), 21 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello das Neves onde a Xunta vai realizar unha obra de mellora do acceso á zona de Setados.

Así, hoxe saíu a licitación esta obra que conta cun orzamento total (incluíndo expropiacións) de preto de 500.000 euros e á que as empresas poden presentarse ata o día 17 de decembro.

O obxectivo, segundo explicou o delegado territorial, é mellorar a seguridade desta zona e permitir unha circulación viaria máis confortable para todos os veciños e veciñas. Para elo, mellorarase a trazada e o cruce propiamente dito, ademais de crear un carril central que permita facer o xiro con seguridade. O proxecto tamén inclúe un desvío para comunicar a vía municipal coa PO 400.

Reguera aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta coa “mellora e mantemento das vía de titularidade autonómica” e destacou a seguridade como “unha das prioridades á hora de realizar investimentos tan importantes como o que se vai realizar no concello das Neves”.

As obras, que arrancarán probablemente no primeiro semestre do ano 2026, contan cun prazo de execución de seis meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025