A Xunta reunirá a mocidade galega no encontro ‘Xuventude na onda’ que sumará unha vintena de actividades en dous días

A iniciativa, que busca conectar o talento galego coa innovación, a ciencia e a cultura, será o 28 e 29 de novembro na Cidade da Cultura

Os concertos de Gabri Fandi e Grande Amore, relatorios, obradoiros e espectáculos sobre comunicación, arte, baile ou videoxogos son algunhas das propostas

A cita, que será inaugurada por Xosé A. Touriñán, acollerá tamén as finais do ‘Xuventude Crea 2025’ nas categorías de música, danza e arte urbana

Os interesados en asistir poden rexistrarse xa na web de Xuventude

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia reunirá a mocidade galega en Xuventude na onda, o encontro que se celebrará os días 28 e 29 de novembro na Cidade da Cultura e que contará cunha vintena de actividades para, en colaboración coas universidades galegas, conectar o talento mozo e os sectores de innovación, ciencia e empresa, favorecendo a creación de sinerxias e novas oportunidades de colaboración.

O obxectivo desta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é ofrecerlle á mocidade un espazo de inspiración e aprendizaxe desde o que fomentar o desenvolvemento persoal e profesional a través de encontros con mentores, mentorizados, institucións académicas e empresas e entidades colaboradoras dos programas Xuventude Mentoring e Xuventude Mentoring na Empresa. Con este fin, a cita arrincará o venres 28 de novembro co relatorio inaugural de Xose A. Touriñán baixo o nome Cómo coñecín a miña empresa: o outro show de Touriñán. A continuación, será a quenda da mesa redonda Breaking Lab: a ciencia fora de guión, a mesa diálogo empresa-universidade A liga dos profesionais extraordinarios: da aprendizaxe ao impacto e o relatorio Fai cousas. Unha conferencia sobre comunicación e liderado para o emprendemento persoal de Javier Cebreiros.

Xa pola tarde, a programación continuará cos talleres IA Confidencial: descubrindo os segredos da intelixencia artificial, impartido por Carmen López; Falar Wars: o lado luminoso da palabra, a cargo de Alba Formoso, e o obradoiro artístico Pero que merda é isto?, conducido por El Barroquista. Ademais, haberá un torneo de videoxogos de Mario Kart, o monólogo de David Perdomo, o concerto de Gabriel Fandi e a final da especialidade de música do Xuventude Crea 2025.

O sábado comezará coas finais de danza e arte urbano do certame Xuventude Crea 2025 e co torneo de videoxogos de EA Sports 26. Ademais, os asistentes poderán desfrutar dunha sesión preguntas e respostas Black Mirror: o outro lado das redes acompañados, o relatorio Misión Comunicar: do tuit viral ao cambio real a cargo de Carlos Fernández Guerra, o showcooking Chef 007: cociña royale, e o relatorio Inside Out 2.0: emocións tras as pantallas de Pepe y Lucas.

A programación complétase coa mesa redonda Peaky Writers: historias con carácter, a cargo dos premiados de Novela Curta, Poesía e Banda Deseñada do Xuventude Crea e cos obradoiros: de graffiti en realidade virtual e de freestyle e hiphop, ambos impartidos por Ocionautas. O concerto de Grande Amore poñerá punto final á cita.

Ademais, de xeito paralelo e ao longo de todo o encontro, o ourensán Mon Devane protagonizará unha acción artística en directo, creando un mural inspirado no espírito de Xuventude na Onda. Toda a información e o programa completo está dispoñible no portal  de Xuventude, onde tamén poderán rexistrar as súas solicitudes todas as persoas interesadas en asistir.

A celebración desta xornada enmárcase no programa Xuventude Mentoring, que xa vai pola súa oitava edición, e busca mellorar as habilidades e competencias dos mozos galegos para a busca de emprego, con accións formativas, actividades de networking e con persoas mentoras procedentes do empresariado galego que ofrecen asesoramento e apoio.

Desde que botou a andar, no ano 2021, máis de mil mozos e mozas levan participado nesta iniciativa que lles posibilita traballar con mentores que lles asesoran de xeito continuo, á vez que poden realizar actividade formativas, asistir a eventos e visitar empresas. Nas sete edicións anteriores, unha media dun 50,3% da mocidade participante acadou a inserción laboral grazas a este programa da Xunta de Galicia.

Data de actualización: 23/11/2025